Os bombeiros do Parque do Morrazo denuncian a reutilización dos traxes por parte de empresas privadas
Por Redacción
Adrián Pena, delegado sindical no parque comarcal do Morrazo, presentou un escrito na Deputación provincial denunciando ante a presidenta do Consorcio contra incendios e salvamento da provincia, Carmela Silva, que o material adquirido con diñeiro público para os parques de bombeiros remata nunha empresa de formación privada.
Acompañando o escrito, o bombeiro do Morrazo tamén adxunta fotos, publicadas por PontevedraViva nesta información, nas que se observa como a empresa de formación serigrafía o seu logo por riba das letras do consorcio.
O comité de empresa do consorcio provincial leva meses reclamando un segundo traxe de intervención, ao considerar que é fundamental para ofrecer un servizo de calidade. Sinalan que en situacións graves como no incendio de Fandicosta, tiveron que desprazarse para intervir nun accidente de tráfico con persoas atrapadas. Nesa segunda intervención estaban a empregar os mesmos traxes, que se atopaban contaminados con amoníaco.
Desde o comité indícase que a empresa Matinsa, en xuño de 2013, fíxose cargo do servizo e renovou o chaquetón, o cobre-pantalón e os cascos retirando os antigos. O material retirado, segundo a denuncia, terminaron nunha empresa privada de formación onde os bombeiros levaban a cabo o seu proceso formativo, por orde de Matinsa.
Segundo indican, durante os seguintes anos, os traxes do Morrazo e O Porriño quedaron almacenados no parque de Bombeiros de Ribadumia, sen que a xerencia e os traballadores tivesen coñecemento. A sopresa volvía producirse cando ese material foi retirado para trasladalo á empresa de formación. Os representantes sindicais reclamaron unha explicación e Matinsa indicou que só os trasladaban para o seu lavado, pero os bombeiros afirman que a empresa de formación non hai lavadoras e o consorcio comprou tres para a limpeza dos traxes de intervención.
Por outra banda, os efectivos do Parque de Bombeiros do Morrazo esperan que se cumpra o compromiso da xerencia e aporten un segundo traxe, unha demanda que se remonta anos atrás e que, segundo denuncian, débese a un "capricho" da empresa.