O comité de empresa do consorcio de bombeiros denuncia represalias por queixarse da súa situación laboral
Por Redacción
O comité de empresa do consorcio provincial contra incendios e salvamento de Pontevedra denuncia que nos últimos días os delegados sindicais sufriron represalias como consecuencias de denunciar a través dos medios de comunicación e ante inspección de traballo unha serie de incumprimentos en materia laboral e de prevención de riscos por parte da empresa concesionaria, Matinsa.
O comité, formado polos sindicatos UGT, CCOO, CIG e SIBGAL, explica que días despois de denunciar os delegados de persoal comezaron a recibir sancións "cun claro fin ameazador".
Segundo explican, a empresa de maneira unilateral fixo unha reinterpretación do convenio e empezou a aplicar sancións disciplinarias aos seus delegados de modo máis propio de organización pseudomafiosa que de empresa seria.
Os representantes dos traballadores aseguran que a empresa "deixou caer ao servizo de bombeiros nun total abandono" e lembran que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deulles a razón na súa denuncia contra a empresa por aplicar un IPC negativo, baixando os soldos aos traballadores, e que a Inspección de Traballo estimou que 18 puntos denunciados polo comité eran incumprimentos de lexislación laboral.
Ante esta situación que ven "do todo intolerable", os bombeiros consideran que a Deputación de Pontevedra, que ostenta a Presidencia do Consorcio, debe tomar cartas no asunto e non permitir que a empresa "pretenda acalar ao colectivo por medio da coacción e o medo".