Cincuenta familias das parroquias de Marcón, Bora e Mourente participarán no plan de compostaxe
Por Oskar Viéitez
Cincuenta familias das parroquias de Marcón, Bora e Mourente terán a oportunidade de participar na segunda experiencia do Concello de Pontevedra en materia de compostaxe da man do colectivo ecoloxista Adega. A finalidade do presente programa é a redución do volume de lixo nas vivendas do rural.
As persoas interesadas poderán inscribirse no Concello entre o 14 de marzo e o 3 de abril. Terán que cumprir cunha serie de requisitos como estar empadronado nunha desas tres parroquias, ter horta e non ter participado con anterioridade en ningún outro programa de compostaxe.
O domingo 7 de abril terá lugar no Pazo da Cultura unha charla na que se explicarán en que consiste o programa, entregarase un manual e repartiranse gratuitamente os composteiros.
A concelleira de Servizos, Carme da Silva, presentou este martes o modelo de composteiro, que é de plástico reciclado e ten capacidade para 320 litros.
"A finalidade deste programa é divulgar a compostaxe caseira como método de tratamento dos residuos orgánicos no propio fogar subministrando os coñecementos prácticos e o asesoramento individualizado preciso para mellorar esta práctica, consolidándoa como unha alternativa ecolóxica e de futuro".
Esta é unha práctica que hai que recuperar e difundir polas súas enormes vantaxes medioambientais
A responsable de residuos de Adega, María Rodríguez, explicou que algo máis da metade do lixo xerado na nosa sociedade é materia orgánica fermentable, é dicir, residuos procedentes da limpeza de hortalizas e outros alimentos da cociña, restos de comidas, papel alimentario de envolver, e restos de plantas da casa ou do xardín.
"Trátase da fracción húmida do lixo, medio millón de toneladas anuais en Galicia, a razón de medio kilo por persona e día. ÿ a fracción de lixo máis limpa, libre en orixe de substáncias tóxicas, e que pode ser reciclada enteiramente mediante procesos naturais", dixo a concelleira.
Tradicionalmente téñense aproveitado os residuos orgánicos no rural para alimentar o gando e para abono, reflectindo un estilo de vida autosuficiente. Esta é unha práctica que hai que recuperar e difundir polas súas enormes vantaxes medioambientais, sendo un exemplo paradigmático da aplicación dos principios da reciclaxe e a reutilización.
Os composteiros serán de balde para quenes formen parte deste programa, pero aqueles outros que queiran mercar un, en Adega os venden por 75 euros.
Relacionadas:
-
Adega resolve dúbidas en Mourente sobre a campaña de compostaxe doméstica
Por Redacción |
-
Xa están en marcha os composteiros de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Pechado o prazo para inscribirse na campaña de compostaxe con 55 solicitantes
Por Redacción |
-
A Deputación estuda realizar con Adega o plan piloto de compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas mil familias pontevedresas formarán parte dunha experiencia piloto de compostaxe
Por Oskar Viéitez |