Condenada o mesmo día en dous xuízos por vender droga ás portas dun centro de desintoxicación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Sandra María M.M. foi condenada este martes por dúas seccións distintas da Audiencia de Pontevedra por senllos delitos de tráfico de drogas.
Esta vilagarciá aceptou a pena de tres anos e un día de prisión que lle impuxo a Sección Cuarta por tráfico de drogas que causan grave dano á saúde agravado por ter lugar nas inmediacións dun centro de deshabituación. Ademais impónselle unha multa de 1.100 euros.
A muller fora sorprendida por axentes da Policía Nacional o 9 de marzo de 2015 nas inmediacións do SPAD (servizo de prevención e asistencia ás persoas que padecen problemas de drogadicción) de Vilagarcía. Nese momento levaba escondidas entre a roupa 22 bolsas de plástico que contiñan outras tantas doses de heroína para a súa venda, cun peso superior aos catro gramos e un índice de pureza de apenas o 33%. Era a segunda ocasión na que a Policía a detiña por este motivo e no mesmo sitio e levaba un caderno onde aparecían anotacións de lugares de entregas e nomes de clientes.
Uns minutos despois deste xuízo, Sandra María acudiu á Sección Segunda e igualmente conformouse coa petición de pena que fixo o Ministerio Fiscal, outra vez, tres anos e un día de prisión. A multa é máis elevada, de 1.300 euros, porque a cantidade de droga que portaba cando foi detida tamén era maior: 47 bolsiñas de heroína, algo menos de dez gramos, destinadas á súa venda polo miúdo. A muller tamén se declarou culpable destes feitos.
Nun e outro xuízo os avogados de Sandra María sinalaron que o seu cliente carece de antecedentes penais, e que trapicheaba con droga para custear a súa propia adicción da que se está desenganchando seguindo un tratamento nun centro de desintoxicación, avalado por informes médicos e psicolóxicos. Por este motivo os letrados interesaron a suspensión da pena.
Os fiscais dun e outro xuízo, Juan Carlos Aladro e María Rey coincidiron ao sinalar que neste momento non teñen elementos suficientes para decidir sobre a suspensión da condena. A Fiscalía solicitaba inicialmente unha pena de sete anos e medio de prisión por cada un dos delitos, diferindo na pena 2.000 euros no primeiro xuízo e 4.000 euros de multa no segundo, unhas peticións que foron rebaixadas despois de pecharse senllos acordos de conformidade.