Andrés Díaz reclama a Feijóo "normalizar" as relacións institucionais con Ponte Caldelas
Por Redacción
Para o alcalde de Ponte Caldelas sería un "erro" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "limitara" as súas entrevistas aos alcaldes das sete grandes cidades galegas, deixando "oco" na súa axenda oficial só para os rexedores do Partido Popular. Así, Andrés Díaz pídelle "normalizar" as relación institucionais co seu municipio e que acceda a reunirse con el.
O alcalde considera que sería "apropiado" que Núñez Feijóo puxera data á entrevista que lle solicitou en varias ocasións, a última delas o pasado mes de agosto.
Nesa carta, na que lle felicitou polos resultados electorais, solicitaba un encontro formal para abordar os temas pendentes en Ponte Caldelas e que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia, entre eles as obras da estrada autonómica PO-234, onde existe un "grave problema" de seguridade viaria á altura de Laxoso.
Referíase tamén no texto á demora na apertura da Casa da Quintán, un chalé restaurado cun gasto público de 500.000 euros e que segue sen abrir como centro de día para maiores; e aludía ao "déficit inversor" da Xunta en Ponte Caldelas, achegando datos que demostran o "forte desequilibrio" no gasto por habitante con respecto aos municipios da contorna.
Andrés Díaz agarda que a xeira de xuntanzas do presidente galego cos alcaldes sexa "o máis plural e aberta posible", pois en Ponte Caldelas "hai asuntos dos que falar e vontade de diálogo".
O alcalde conclúe que "chegou o momento" de deixar atrás as discrepancias e traballar conxuntamente polo benestar de todos os caldeláns, persoas que "merecen as mesmas atencións e consideracións" que o resto dos galegos en aqueles asuntos que son competencia exclusiva da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
A Xunta licita a mellora da estrada PO-234 nun tramo de Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Ponte Caldelas achega 40.000 euros á Xunta para desbloquear as obras da estrada PO-234
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas insiste en denunciar o abandono da Casa da Quintán
Por Redacción |
-
Laxoso e Augasantas dan o seu visto bo ao acordo para reformar a PO-234
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas mellorará dez estradas danadas polo temporal
Por Redacción |