Pita asumirá un cambio en Luís Rocafort se é "sensato, viable tecnicamente e coherente"
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Gonzalo Pita, mostrouse disposto a asumir un cambio na reforma da avenida Luís Rocafort se o que se pide por parte dos veciños e comerciantes é "sensato, viable tecnicamente e coherente". E engade que "sería absurdo paralizar as obras".
A recentemente constituída plataforma de afectados quere que a rúa dispoña de máis prazas de aparcadoiro, unha tese que apoian o Partido Popular e o concelleiro non adscrito que fixeron pinza no pleno deste luns para obrigar a goberno tripartito a negociar coa Deputación unha reforma do proxecto que xa se está executando.
Para o alcalde, resulta "sorprendente, asombroso" que na súa moción os populares digan que "se conformarían con 80 ou 90 prazas" cando o proxecto xa se contempla habilitar 90 prazas de estacionamento, "polo tanto está claro que é unha manobra política", argumenta Pita. O alcalde sanxenxino sinala que o PP dicía primeiro que o goberno local non sería capaz de facer a reforma e agora, coas obras xa en marcha, "teñen que buscar cuestións para saír á palestra".
"Sanxenxo leva 20 anos esperando por este proxecto e vai quedar unha rúa das mellores da contorna", sinala Gonzalo Pita con rotundidade.
Pita dirixiuse á plataforma e os afectados por esa falta de aparcadoiro para asegurarlles que "aquí teñen un alcalde que vai velar polos seus intereses, ese é o meu compromiso desde a primeira reunión que tivemos". Por agora o rexedor está pendente de ter unha reunión na Deputación, "todo aquilo que sexa sensato, viable tecnicamente e coherente, vou petar encima da mesa para que así se faga". Afirmando que "eu non estou coas siglas senón que estou cos meus veciños".
Finalmente Gonzalo Pita engadiu que "todo o mundo vai quedar encantado con este proxecto cando remate" e lembrou que unha vez que se recepcione a avenida Luís Rocafort "haberá modos para regular o aparcadoiro e que un turista que vaia á praia non deixe o coche alí todo o día".
Relacionadas:
-
Deputación e Sanxenxo botan un pulso polos aparcadoiros en Luís Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo négase de maneira rotunda a instalar colectores soterrados en Luís Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O PP di que a Deputación "non ten todos os terreos cedidos" na avenida Luis Rocafort
Por Redacción |
-
A oposición forza ao tripartito de Sanxenxo a pedir cambios en Luís Rocafort
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo reúnese cos veciños de Luis Rocafort e carga contra o PP
Por Redacción |
-
O PP de Sanxenxo súmase á demanda veciñal de máis prazas de aparcadoiro en Luís Rocafort
Por |