As xornadas das alfombras florais de Bueu lembran a Maruja Mallo
Por Redacción
O 18 de xuño é a festa do Corpus. Ainda quedan menos de tres meses, pero desde a Asociación das Alfombras de Bueu xa organizan para finais deste mes de abril unha serie de actividades que serán, por terceiro ano consecutivo, a posta de longo desta festa con tanta tradición na vila.
Este martes foi a rolda de prensa na sala Domínguez Búa, e nela estiveron Félix Juncal, alcalde de Bueu, Carmen Santos, presidenta da Asociación de Alfombras de Bueu, e Darío Campos, presidente da Asociación Bueu en Festas.
Tal e como declarou Carmen Santos, presidenta do colectivo, o 27 de abril comezarán as III Xornadas das Alfombras do Corpus de Bueu, que nesta ocasión están moi centradas na pintora vangardista Maruja Mallo, á que este ano se lle dedicou o Día das Artes Galegas e que pasou unha tempada da súa vida na localidade bueuesa de Beluso, sendo moi importante para a súa obra.
As xornadas inaugúranse na Sala Domínguez Búa o vindeiro 27 de abril, ás 20.30 horas, cunha mostra fotográfica que inclúe imaxes da presenza do Corpus e das alfombras na vila ao longo do tempo, e que foron postas a disposición por diversas asociacións de alfombristas.
O 28 de abril, arrancará a primeira das conferencias na Sala Nobre do Museo Massó, onde a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fará unha radiografía do impacto económico e turístico que emana da confección de alfombras, tras a que actuará o Duo RodeArte.
A Comisión Xestora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efémero tamén estará presente nestas xornadas, mediante a súa presidenta, Vicenta Pallarés, que dará unha conferencia o 29 de abril ás 19.30 horas, tamén no Museo Massó.
O 30 de abril, Antonio Gómez Conde (sobriño de Maruja Mallo) e Carlos Nuevo Cal falarán ás 18.30 horas sobre a figura e obra de Maruja Mallo. A pintora viveirense tamén estará moi presente na última conferencia, que se desenvolverá o 5 de maio ás 20.30 horas, por parte de Emilio Xosé Insua, quen fará unha reseña histórica sobre esta muller adiantada ao seu tempo.
Un dos eventos estrela terá lugar o 1 de maio, coa celebración ás 18.30 horas, da Gala Homenaxe aos Alfombristas Veteráns no Centro Social do Mar, no que se proxectará un vídeo dos homenaxeados no 2016. Este evento é o máis agardado debido a que con el se lembran ás persoas que traballaron arreo ao longo dos anos para manter esta tradición viva na nosa cultura e memoria.
Ademais destas actividades, a asociación tamén aproveitou para presentar os demais eventos deste ano, como son a participación no día do Carme, cando confeccionarán unha alfombra floral e recibirán a visita de varias delegacións, e tamén no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU). Así mesmo, estanse desenvolvendo obradoiros nos colexios e institutos así como nos centros de día de maiores do municipio.
Relacionadas:
-
Un mural para lembrar a estadía de Maruja Mallo en Beluso no ano 1936
Por Redacción |
-
As alfombras florais de Bueu, declaradas festa de interese turístico de Galicia
Por Redacción |
-
Unha ruta artística homenaxea en Bueu á figura de Maruja Mallo
Por Redacción |
-
9.000 euros para revitalizar a festa das alfombras florais de Bueu
Por Redacción |
-
A Deputación celebra o Día das Artes Galegas en Bueu cunha homenaxe a Maruja Mallo
Por Redacción |
-
As alfombras florais de Bueu chegan ao Vaticano
Por Redacción |
-
O Corpus pecha o ano cun acto no Concello
Por Redacción |