Antonio Romero asume o mando da Brilat, "una de las mejores grandes unidades del Ejército de Tierra"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O xeneral de brigada Antonio Romero Losada é xa oficialmente o novo responsable da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat). Tomou posesión do seu cargo como xeneral xefe e comandante militar de Pontevedra e Ourense este venres nun acto na base General Morillo de Figueirido no que manifestou a súa "satisfacción profesional" por asumir o mando de "una de las mejores grandes unidades del Ejército de Tierra".
O acto incluíu unha parada militar presidida polo xeneral xefe da División Castillejos, Miguel Martín Bernardi, na que desfilaron 1.300 militares e contou co respaldo de autoridades civís e militares de Pontevedra e o resto da provincia, entre elas o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, pouco habitual neste tipo de actos. O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a subdelegada en Pontevedra, Ana Ortiz; e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén lle acompañaron e, no seu discurso, trasladoulles a súa "disponibilidad para colaborar" coas autoridades civís en "todo lo que sea necesario".
Antonio Romero tivo palabras de eloxio tanto para a propia brigada que xa está ao seu cargo como para o seu antecesor, o xeneral Luís Cebrián Carbonell, e avanzou que a súa intención é ter un mandato continuista no que tentará seguir o seu exemplo e seguir adaptándose aos novos retos que se lle presenten.
O novo xeneral leva uns días tomando contacto coa Brigada e asegura que lle profesa un gran respecto a todos os seus compoñentes e que oíu "das súas fazañas", de aí o seu orgullo por pasar a mandalos. Ademais, este novo labor permítelle regresar a Pontevedra, unha cidade que xa coñeceu no ano 1998.
En declaracións aos medios ao termo do desfile, Antonio Romero definiu este novo destino como "magnífico" e "excelente" e destacou que o seu obxectivo será que a unidade siga estando"a la vanguardia de las unidades operativas del Ejército de Tierra" e "esté siempre integrada en la población y en la región dónde está ubicada". Respecto diso, insistiu en que leva o nome Galicia VII, un dato "muy significativo" que quere dicir que "está arraigada a esta tierra de una manera muy especial".
Baixo o seu mando, a Brilat asumirá a partir de 2018 polo menos dúas misións internacionais, tal e como revelou o xeneral Cebrián na súa despedida. O xeneral Romero non quixo entrar a detalar eses datos e limitouse a asegurar que esa saída ao exterior sería "muy posiblemente", pero "no hay nada ahora mismo decidido".
Antonio Romero, de 54 anos e natural de La Línea de la Concepción, mandou a VII Bandeira da Lexión como tenente coronel e, co seu ascenso a coronel en 2013, foi destinado como xefe do Terzo Juan de Asturias. Desde entón, estivera no Ministerio de Defensa como xefe da área OTAN e deixou o seu destino para dar o salto á Brilat por mor do seu recente ascenso a xeneral de división.
Relacionadas:
-
O xeneral xefe da Brilat, membro de honra dos Mareantes
Por Mónica Patxot |
-
O Día das Forzas Armadas tamén chegará á Alameda cunha exposición de material da Brilat
Por Natalia Puga |
-
O novo xeneral da Brilat destaca o "buen clima" de colaboración co Concello
Por Alejandro Espiño |
-
O xeneral Cebrián despídese da Brilat: "No sé si seré reconocido como pontevedrés de toda la vida, pero yo me siento"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O ex xefe da Lexión Antonio Romero substituirá ao xeneral Cebrián á fronte da Brilat
Por Natalia Puga | Creada e actualizada