Sete de cada dez empresas que traballan para Promoción Económica son de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A piques de chegar ao ecuador do mandato, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, fixo un balance das actuacións que se impulsaron desde esta área de goberno. Todas elas supoñen unha cifra "moi importante" de actividade, dixo, ao destinarse a estas políticas máis dun millón de euros.
Con ese diñeiro, ao que hai que sumar as subvencións concedidas por outras administracións, a área de Promoción Económica contratou a 121 empresas, das cales 88 (un 72%) son do municipio de Pontevedra. Supuxo o emprego dun milleiro de persoas.
Esta "nova filosofía de traballo", destacou Gulías, permite priorizar a contratación de empresas da cidade que permiten "xerar un maior dinamismo económico" en todo o concello, xa que dan emprego a xente de Pontevedra, permiten crear novos postos de traballo e aumentan o consumo no comercio local.
"Nos parecen cifras realmente importante para nós e para toda a cidade", dixo Gulías, polo que seguirán apostando por esta liña "estratéxica" de traballo desde a súa concellería. "É un orgullo traballar coas empresas pontevedresas, coas cales seguiremos traballando".
A estes datos, Anabel Gulías quixo engadir a colaboración coa Universidade de Vigo, a atención que prestan a mozos que presentan os seus proxectos ao Concello ou a "inserción tradicional" a través dos obradoiros de emprego e os cursos de formación.
De fronte ao futuro, a edil do BNG márcase o reto de converter o edificio municipal situado en Santa Clara nunha "referencia" da promoción económica na cidade, así como dar un "gran salto" no mercado de abastos grazas aos fondos europeos DUSI.
Ademais, tamén sinalou a necesidade de traballar para que o modelo de cidade de Pontevedra "teña reflexo" na internacionalización das empresas locais.