Bueu homenaxea aos alfombristas veteranos
Por Redacción
O Centro Social do Mar acolleu este luns a Gala Homenaxe aos Alfombristas Veteranos, organizada pola Asociación Cultural das Alfombras e inserida no marco da III Xornadas das Alfombras Florais de Bueu, que estivo cargada de momentos emotivos nos que se lembrou os comezos da actividade das alfombras e a contribución destas persoas á cultura e historia da vila morracense.
Concretamente, homenaxeouse a Elena Filgueira López, Carmen Filgueira López, Pepe Rodríguez Galup, Josefa Santaclara Rey, Josefa Álvarez Chaves e a Laureana Iglesias Otero (a título póstumo).
Ademais, e por primeiro ano, a asociación quixo destacar a actividade realizada pola familia Cabanillas a prol das alfombras, e do colectivo Párkinson Bueu. A todos eles entregóuselles unha figura na que se representa unha muller facendo de alfombrista.
As actividades das III Xornadas aínda seguen o vindeiro venres 5 de maio, cunha conferencia a cargo de Emilio Xosé Insua, quen falará no Museo Massó ás 20.30 horas sobre Maruja Mallo e o seu tempo histórico. Ademais, ata o 14 de maio na sala Domínguez Búa pódese ver unha mostra de imaxes antigas.
Estas xornadas monográficas sobre a arte efémera en Bueu véñense organizando desde o ano 2015 cando se fundou a asociación para así darlle maior difusión a este elemento cultural que distingue un pobo.