Masa Crítica, indignada ante a prohibición de circular en bicicleta pola Senda da Ostreira en Poio
Por Redacción
Os usuarios de bicicleta viñan usando a Senda da Ostreira en Poio para achegarse á zona da Seca desde Campelo dunha forma segura. Así o afirman os integrantes de Masa Crítica e Pedaladas, colectivos defensores do uso da bicicleta, que se viron sorprendidos ante a decisión de Costas e do Concello de Poio de prohibir aos ciclistas a utilización desta senda tradicional.
Afirman que, con esta decisión, limítase a mobilidade sustentable que estaba a se fomentar como alternativa ao automóbil e ademais entenden que a medida é contraria ás bases dos fondos europeos e do intento por crear un motor económico e laboral para Poio a través do cicloturismo.
Indican que en distintos puntos de España, entre eles Pontevedra e Marín, coexisten nos paseos a mobilidade peonil e a ciclista con prioridade de paso sempre para o peón.
Desde estes colectivos entenden que a decisión afecta, sobre todo, aos menores de idade que queren circular en bicicleta e non poden usar a calzada de forma segura, ás familias con menores en actividades de lecer, aos cicloturistas que fan un uso non deportivo das dúas rodas co obxectivo de buscar lugares atractivos para visitar.
Desde Masa Crítica, piden que se permita o paso dos menores en bicicleta pola Senda da Ostreira, como usuarios vulnerables que se queren trasladar ata o complexo polideportivo da Seca. Avogan porque se limite a circulación a 10 km/h en lugar de prohibir o uso da bicicleta. Mesmo propoñen utilizar paneis para que os ciclistas baixen do seu vehículo no caso de que haxa gran cantidade de camiñantes.
Quique Pérez, secretario de Pedaladas, convida a que se amplíe a senda onde haxa espazo porque a actual "quedou cutre para o gran éxito que ten". E sinala que é mellor solucionar o tema antes de crear un problema novo.
Relacionadas:
-
O PP propón a construción dunha senda entre A Seca e Combarro
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas 'premia' ás administracións pola súa falta de compromiso coa mobilidade activa
Por Redacción |
-
Os rapaces prefiren ir en bicicleta pola beirarrúa por seguridade
Por Oskar Viéitez |
-
Poio convoca aos colectivos ciclistas para falar do "uso exclusivo para peóns" da senda de Campelo
Por Oskar Viéitez |
-
Os nenos de Poio reforzan a súa educación viaria da man da Policía Local
Por Redacción |