Duras críticas do BNG á adxudicación do contrato de lixo a unha empresa que pagará impostos en Barro
Por Redacción
A aprobación no último pleno da corporación de Marín do novo contrato de recollida de lixo deu paso este venres a fortes críticas por parte do grupo municipal do BNG, que lamenta que o goberno local do PP pagará máis por un contrato que "non ofrece ninguna mellora" e a unha empresa que pagará os seus impostos en Barro e fará o mantemento dos vehículos nun taller de Porriño.
"Cambiamos unha empresa por outra sen ningunha vantaxe nin para o cidadán nin para o medio ambiente", critican os nacionalistas, que insisten en que o prego de condicións do novo contrato que se aprobou só cos votos do PP baséanse nun "criterio puramente economicista" sen apostar por cuestións como a compostaxe.
Ao respecto, sosteñen que a empresa adxudicataria, Recolte, seguirá levando os residuos a Sogama sen ofrecer ningunha alternativa ao tratamento do lixo, en especial da fracción orgánica, contrariamente ao que recomendan as directrices europeas.
Ademais, critican que Marín deixará de percibir os impostos que debe pagar a empresa, pois cambiará a residencia ao Concello de Barro e os traballadores, actualmente con sede en Marín, terán que desprazarse case 20 quilómetros ao seu posto de traballo e pasarán a residir laboralmente naquela localidade.
Entre as súas críticas, o BNG inclúe que a adxudicación deste novo contrato "ten seriamente preocupados" aos 16 traballadores do servizo. A empresa deberá subrogar os seus contratos, pero ata o momento aseguran que ningún representante do Concello se puxo en contacto con eles para comunicarlles as novas condicións de traballo.
O BNG lembra que non participou da mesa de contratación en coherencia co seu voto en contra duns pregos que poñen en risco os postos de emprego e que só obecede a criterios econominicistas e mantén que o goberno local iniciou este proceso sen contar en ningún momento cos demais grupos, rexeitando incluso facer unha análise que avaliase a municipalización da recollida do lixo. Esta sería, para os nacionalistas, a "única forma de garantir os postos de emprego e de abaratar os custos".
Relacionadas:
-
Marín contará con novos colectores de lixo
Por Oskar Viéitez |
-
O pleno de Marín abordará a concesión do servizo de lixo á empresa Recolte
Por Oskar Viéitez |
-
Recolte é a principal aspirante ao contrato da recollida de lixo en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
Ramallo prorroga o contrato da recollida do lixo ata que se adxudique o novo concurso
Por Oskar Viéitez |
-
A alcaldesa de Marín comprométese a incorporar un mínimo de 16 traballadores no prego da recollida do lixo
Por Redacción |
-
Aprazan a folga na recollida de lixo en Marín á espera dun acordo político
Por Redacción |