A Plataforma de Afectados pola Hipoteca acode ao Pleno para pedir aos políticos locais que se 'mollen'
Por Redacción
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Pontevedra acudirá ao pleno da corporación municipal deste luns 22 de maio coa intención de visibilizar que en Galicia prodúcense máis de seis desafiuzamentos diarios e instar os grupos políticos a que se sitúen sobre o particular, coas dúas opcións posibles de asumir unha postura contraria a estes desaloxos ou recoñecer a súa complicidade coa banca.
Segundo anunciaron, pretenden estar presentes durante a sesión plenaria para lembrar que desde outubro de 2015 a PAH presentou mocións en Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portonovo, Marin, Redondela, Vilaboa e Vilagarcía de Arosusa e "só tivo o respaldo das corporacións de Redondela e Vilagarcía".
Aínda que o resto non se situou, consideran que co seu silencio e "indiferenza" o que fan é "darlles a entender que se sitúan á beira da banca rescatada e das subministradoras que nos estafan a todas".
A PAH facilitou cifras este sábado e asegurou que en Pontevedra desde o ano 2013 pararon todos os procesos de execución hipotecaria de familias que pediron a súa axuda, un centenar procedentes da cidade e comarca.
Nos últimos tempos acudiron a esta plataforma 35 familias e conseguíronse frear todos os seus procesos de execución, tanto negociando alugueres sociais nas súas vivendas como coa dación en pago total. No primeiro trimestre deste ano 2017, segundo aseguran, dúas familias evitaron o desafiuzamento por aluguer e o resto atópanse en procesos de negociación coa banca, pechando alugueres sociais e acordos de dación en pago da vivenda habitual.
A súa presenza no Pleno deste luns enmárcase no seu calendario de mobilizacións para chegar ao Congreso dos Deputados e conseguir que a administración asuma o dereito para gozar unha vivenda digna e se lexisle para que sexa unha realidade canto antes.
Relacionadas:
-
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca protesta ante unha sucursal de CaixaBank
Por Redacción |
-
A corporación súmase á fronte antidesafiuzamentos da PAH
Por Alejandro Espiño |
-
Reclaman que se deteña a "sangría horrible" dos desafiuzamentos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
"En Pontevedra a la gente le cuesta asumir que es pobre, prefieren entregar la vivienda a luchar por ella"
Por Anxo Lourido |
-
A PAH denuncia que alguén pide diñeiro no seu nome de forma fraudulenta en Sanxenxo
Por Redacción |
-
O PP ve "hipócrita" que o Concello apoie a PAH e rexeite a creación dun Fondo Social de Vivendas
Por Redacción |