A corporación súmase á fronte antidesafiuzamentos da PAH
Por Alejandro Espiño
As reivindicacións da Plataforma Antidesahucios (PAH) de Pontevedra tiveron o seu eco no pleno da corporación municipal. BNG, Marea e PSdeG-PSOE deron o seu apoio expreso á campaña iniciada por este colectivo para que as administracións asuman o dereito para gozar unha vivenda digna e se lexisle para que sexa unha realidade canto antes.
A moción, presentada por Marea, incluía o apoio ás cinco reclamacións da PAH, a dación en pago de carácter retroactivo, a paralización dos desafiuzamentos, que se aprobe un aluguer social que sexa acorde aos ingresos familiares, que se constrúan máis vivendas sociais e que se garantan as subministracións básicas ás familias sen recursos.
Ademais, ao aprobarse esta medida, o pleno declara a Pontevedra concello libre de desafiuzamentos e garántese que a Policía Local non colaborará en ningún destes alzamentos dentro do termo municipal.
Cidadáns e Partido Popular optaron por absterse.
Tamén foron aprobadas, neste caso co voto a favor de toda a oposición e o rexeitamento do BNG, as dúas mocións presentadas por Cidadáns, para que o Concello asumise de forma urxente as deficiencias do colexio Vilaverde e das instalacións deportivas da Xunqueira.
Non tiveron tanta sorte o resto de mocións, entre elas a iniciativa do PP que instaba a impulsar o skatepark na pasarela do tren, no 12 de novembro; xa superada tras o anuncio do goberno local do acordo coa Universidade de Vigo para situalo no campus.
Ademais, os socialistas reclamaron ao goberno municipal que dese as instrucións oportunas para orzar e executar a solución aprobada para as medianeiras da Peregrina, atendendo ao concurso de ideas realizado no seu día. Non foi aprobada ao votar en contra o BNG e absterse o Partido Popular.
Outra das mocións de Marea, que pedía eliminar os eucaliptos que se atopen a menos de 50 metros das casas, tampouco será aplicada tras ser rexeitada polo BNG e absterse o grupo municipal socialista.