O PP, preocupado pola suspensión do pago aos pensionistas venezolanos que residen en Galicia
Por Redacción
O Partido Popular buscará o apoio da corporación municipal de Pontevedra para resolver un asunto que se detectou a finais de 2015: a suspensión por parte de Venezuela do pagamento aos pensionistas que residen en Galicia tras ter traballado no país suramericano.
En Galicia, sinalan os populares, están afectadas máis de 3.000 persoas, a gran maioría emigrantes retornados.
Ante esta situación, o grupo popular busca debater unha moción coa que solicitan ao goberno municipal de Pontevedra que se dirixa ao Goberno de España para que reforce os contactos diplomáticos coa República Bolivariana de Venezuela e faga cumprir o convenio bilateral asinado entre ambos países no ano 1988.
Ademais, solicitan que se garanta aos pensionistas de Venezuela residentes en Galicia e que cumpran os requisitos esixidos, o cobro da pensión que lle corresponda, adiantándoa de xeito transitorio, sen carácter consolidable e con carácter reintegrable, ata que o Goberno de Venezuela volva regularizar o pago destas pensións.