Retiran preto dun cento de niños de gaivotas en tellados de Marín
Por Redacción
Marín segue en pé de guerra contra dúas especies que, segundo o goberno municipal, está a causar problemas no municipio: a pomba común e a gaivota patiamarela.
Tras os dous primeiros anos de control poboacional de pombas, o Concello celebra que se conseguiron uns resultados óptimos, reducindo a poboación en máis 1.500 individuos, pasando dunha cifra próxima ás 2.000 pombas censadas ao comezo ás 500 contadas ao remate do segundo ano da campaña.
Neste terceiro ano, o Concello pretende reducir a poboación naquelas zonas máis afectadas, reducindo as colonias de pombas a uns números asumibles, impedindo á súa vez que o número total de exemplares volva elevarse.
Con respecto ao control da gaivota patiamarela, ata o 15 de xuño, a empresa contratada polo Concello, Larus Control, atendeu 64 reclamacións cidadás.
Visitáronse 141 tellados do municipio, de onde se retiraron 86 niños, 183 ovos e 22 pitos, uns números similares aos de anos anteriores.
Ademais do servizo, o Concello tomou unha serie de medidas para facilitar a redución destas dúas especies.
Así, retirouse o lixo do exterior do mercado, eliminando un punto de alimentación para as gaivotas da zona; e instouse aos propietarios de edificios en mal estado con pombais incontrolados para que adopten as medidas correctoras oportunas.
O servizo de control poboacional da pomba común iniciouse no mes de abril e estenderase ao longo dun ano, mentres que a campaña das gaivotas permanecerá activa ata o mes de agosto, completando a totalidade da época de cría.
Todos os veciños que desexen que os seus tellados sexan inspeccionados poden poñerse en contacto coa empresa Larus Control, a través do correo electrónico laruscontrol@hotmail.com ou nos teléfonos 689 838 359 e 654 831 848, entre as 10:00 e as 19:00 horas.
Relacionadas:
-
As campañas de control de gaivotas e pombas de Marín reduciron a poboación en 1.500 aves en tres anos
Por Redacción |
-
Marín retira 472 pombas e 173 niños de gaivota
Por Redacción |
-
Medio milleiro de pombas menos en Marín tras as campañas de control
Por Redacción |
-
Mil pombas menos e 170 niños de gaivota retirados nun ano de control de ambas as especies en Marín
Por Redacción |