Case 700 vigas estabilizarán o paseo do Lérez
Por Redacción
Un total de 688 vigas vanse instalar nas vindeiras semanas para estabilizar o noiro no paseo do río Lérez, entre a praia fluvial e o remate do muro de contención do paseo. Trátase do treito que existe antes de chegar ao areal.
Durante os traballos de mantemento habituais que se fan na zona, detectáronse fendas no paseo e no carril-bici habilitado recentemente. Isto é debido a que o noiro vaise desprazando lentamente pola erosión da auga.
O Concello investirá 43.136 euros en reforzar o paseo para evitar que se siga deteriorando. Presenta varias fendas, pero según o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, non supón risco ningún para ciclistas ou paseantes. Con todo, hai que actuar para estabilizalo.
A actuación prevista consistirá en manter o noiro en terra e herba, deixando así o seu estado orixinario. Fincaranse no paseo 688 vigas de formigón de 2,5 metros de lonxitude nos aproximadamente 300 metros de distancia deste treito do paseo. Colocaranse verticalmente a unha distancia de 40 centímetros. E os sobrantes -en superficie- eliminaranse.
O goberno agarda poder comezar as obras neste mes de xullo.