A Festa do Carme de Bueu rematará este ano cun espectáculo de fogos de artificio sen precedentes
Por Redacción
A Festa do Carme de Bueu celebrarase este ano entre os días 14 e 16 de xullo e incluirán a participación de delegacións de alfombristas internacionais e o maior espectáculo de fogos de artificio celebrado ata agora.
O alcalde, Félix Juncal; a presidenta da Asociación Cultural das Alfombras, Carmen Santos; e Darío Campos, da Asociación Bueu en Festas, presentaron este venres a programación desta festa na honra da patroa dos mariñeiros, que comezará o venres 14 de xullo ás 12.00 horas cunha tirada de fogos.
O venres 14 pola noite haberá verbena amenizada polas orquestras Israel e Solara e o sábado 15 a festa empezará xa ás 10.00 horas da mañá cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Vilanova de Arousa. Ás 12.30 horas será a celebración relixiosa na honra da virxe, cantada pola Coral Polifónica Acordes de Bueu e seguida de procesión. Pola noite haberá unha gran verbena coas orquestras Canela e Nebraska e as delegacións de alfombristas internacionais estarán na contorna da lonxa elaborando diversos tapices florais que terán como eixo de unión o mar.
Delegacións de Noto (Sicilia), Castropol (Asturias), Cataluña, Rianxo e Cangas acompañarán aos alfombristas de Bueu nesta festa. O plan previsto é que as alfombras poidan estar culminadas no mediodía do domingo, e así dar paso aos actos do día central da festa.
O domingo 16 a programación arranca ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Bueu e de Retrouso de Cela, dando paso ás 12.30 horas á misa cantada pola Coral Acordes. Xa ás 18.00 horas, celebrarase a misa solemne na lonxa cantada pola Coral Marusía, seguida de procesión e baile na honra da virxe, e procesión marítima con ofrenda floral polos mariñeiros falecidos. Á noite, a verbena estará amenizada pola orquestra Trébol.
Á medianoite será o momento da gran tirada de fogos de artificio, que terán unha duración de máis de quince minutos na praia da Banda do Río. O Concello está tramitando as pertinentes autorizacións ante Portos de Galicia e a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.