Ence anuncia que rexeitará madeira procedente de explotacións ilegais ou que afecten ao patrimonio
Por Redacción
Ence Energía y Celulosa aprobou a súa Política de Legalidade da Madeira, un documento no que recolle varios requisitos para defender e garantir a legalidade na subministración forestal. Este documento elaborouse despois de diferentes conversacións entre a compañía e as administracións e organismos de carácter ambiental e social.
Esta iniciativa quere servir como referencia para os axentes relacionados coa madeira e orientalos para detectar prácticas ilegais, contribuíndo a evitalas. Segundo a compañía, Ence quere converterse nun exemplo e nun motor da compra de madeira legal. A empresa aposta por distanciarse de operadores que promoven prácticas de rápido beneficio pero de dubidosa legalidade, segundo a propia empresa pasteira.
Neste sentido, Ence adquirirá unicamente madeira procedente de masas forestais nas que se cumpran todos os requisitos que estableza a normativa en vigor. Priorizará o consumo de madeira certificada FSC e/ou PEFC, establecendo como obxectivo lograr un 100% de madeira certificada na subministración das súas plantas de celulosa.
Para levar a cabo esta práctica, a entidade esixirá aos madeireiros os mesmos requisitos de cumprimento da legalidade que aplica ás súas propias actuacións forestais.
Ademais, Ence comprométese, segundo expón nun comunicado, a rexeitar calquera partida de madeira da que se demostre a súa procedencia dunha explotación ilegal e tamén daquela madeira cuxa explotación afecte a elementos protexidos do patrimonio natural, arqueolóxico, cultural ou social, que sexa incompatible co seu aproveitamento.
Relacionadas:
-
Denuncian ante Costas e a Xunta a plantación realizada por ENCE diante da fábrica
Por Oskar Viéitez |
-
A innovación forestal ten premio: 5.000 euros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xulgan dous acusados de estafar a ENCE cobrando descargas ficticias de madeira
Por Natalia Puga |
-
Ence chega a un acordo cos comuneiros de Poio para recuperar 56 hectáreas forestais que arderon en 2006
Por Oskar Viéitez |
-
O sector da madeira recupera fortaleza, con ENCE como peza "importante", pero non a clave
Por Natalia Puga |