En Castiñeiras xa cheira a churrasco
Por Cristina Saiz & Natalia Puga
A prohibición de asar ao aire libre en zonas forestais durante o verán terá unha excepción a partir deste venres no Lago de Castiñeiras. Trátase dunha limitación imposta pola Xunta de Galicia para minimizar o risco de incendios, pero non se aplicará nesta zona de esparexemento grazas aos novos asadores instalados na parte do parque pertencente ao Concello de Marín.
Os novos asadores conseguiron xa todos os permisos e informes favorables das consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural da Xunta de Galicia e, unha vez terminada a obra, este venres estreáronse asando os primeiros chourizos para comuneiros, veciños e políticos. A partir desta mesma xornada, xa poderán prepararse chourizos, churrasco e todo menú que apeteza.
A alcaldesa, María Ramallo, acudiu á zona acompañada polos responsables municipais de Turismo, Deportes e Medio Ambiente e os presidentes das dúas comunidades de montes en cuxos terreos se instalaron os asadores, Santo Tomé de Piñeiro -Daniel Rosales- e San Xulián de Marín -Manuel Estévez-.
En concreto, con financiamento da Dirección Xeral de Turismo da Xunta, habilitáronse oito puntos de asado divididos en dous módulos distintos, un en Santo Tomé e outro en San Xulián. María Ramallo aproveitou a inauguración para facer un chamamento aos usuarios para que sexan respectuosos e "que os coide coma se fosen os da súa casa"
Chourizos asados nos novos asadores, pan e viño serviron para inaugurar as novas instalacións e, de paso, unha nova etapa para o Lago de Castiñeiras. Tras a onda de incendios do ano 2006 empezou a adoptarse a restrición de facer grelladas ao aire libre nas épocas de máximo risco de incendio, medida que prexudicou a esta zona de esparexemento situada entre os municipios de Marín e Vilaboa, que tiña como un dos seus máximos atractivos os asadores e mesas.
Tras esa prohibición empezou unha época de declive no parque de Castiñeiras, onde empezou a ir a menos a asistencia de público. Estes novos asadores cumpren unhas estritas medidas de seguridade que minimizan o risco de incendios.
O proxecto foi complicado, pois o Concello tardou máis dun ano en tramitar o proxecto e atopar unha solución que cumprise con todos os requisitos de seguridade necesarios, pero finalmente recibiron o OK e esta semana a construción estaba terminada para poder estrearse. Estarán operativos todo o ano e tamén no verán, época na que o resto de asadores instalados ao longo de todo o parque non poden usarse.
A visita ao Lago de Castiñeiras para a inauguración non puido eludir o estado actual da área recreativa, con parte do valado perimetral esnaquizado e mesas e asadores esnaquizados, e a situación de seca do lago artificial situado no centro do parque forestal. A alcaldesa deu a coñecer que Augas de Galicia xa está a elaborar un informe sobre a falta de auga co obxectivo de buscar unha solución e que se traballará coa Xunta de Galicia para buscar actuacións no resto da área.
No caso do lago, explicou que está practicamente seco por dúas causas fundamentais: a redución das achegas de auga pola seca e as gretas de gran tamaño que ten ao longo do seu perímetro. A solución tería que pasar por remediar ambas as situacións.
O deputado do BNG Luís Bará anunciou esta semana que levará o abandono do Lago de Castiñeiras ao Parlamento de Galicia. A alcaldesa de Marín aplaudiu a iniciativa porque "agradezo todas as axudas e insistencias neste tema" e sinalou que "o importante é remar todos na mesma dirección", que non é outra que recuperar este parque como zona de esparexemento.
Relacionadas:
-
O Lago de Castiñeiras mellorará a súa imaxe de cara ao verán
Por Redacción |
-
Promoven unha campaña para frear o deterioro do parque do lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Os socialistas urxen a recuperación do parque de Cotorredondo
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Inician as obras dos novos asadores do Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Medio Rural dá luz verde á instalación de asadores no Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Así serán os novos asadores do Lago de Castiñeiras
Por Oskar Viéitez |