"Foi a peor Semana Santa que recordamos en moitos anos", din os hoteleiros de Sanxenxo
Por Alejandro Espiño
"Foi a peor Semana Santa que recordamos en moitos anos". Así de categóricos móstranse os hoteleiros de Sanxenxo en boca do seu presidente, Francisco González. Asegura que as malas condicións meteorolóxicas destes días festivos "deron ao traste cun gran número de reservas". Unha circunstancia que fixo que a ocupación hotelera quedara nun 42,58 por cento, catorce puntos menos que o ano pasado.
O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) recoñece que as expectativas que manexaban "non eran boas polas semanas de mal tempo que nos precederon", xa que recorda que para o seu turismo "a inestabilidade e o frio non son os nosos mellores aliados". Ademais, recorda que a Semana Santa "caeu demasiado baixa no calendario e en fin de mes, mala data na situación económica que nos toca vivir".
A todo isto hai que engadir, segundo o CETS, a non apertura dun número importante de establecementos con respecto ao ano pasado e a falta de clientes de grupos organizados, que este ano se fixo sentir dun xeito moi importante sobre todo en hoteis de 2 e 3 estrelas. Eles foron os verdadeiros prexudicados da baixa afluencia de turistas a Sanxenxo. Apenas encheron un 46 e 28 por cento das súas habitacións, respectivamente.
Mellor comportáronse os hoteis de 4 estrelas, que mantiveron unha ocupación do 82,6 por cento, en todo caso tamén nove puntos menos que en 2012. As pensións e os apartamentos tamén caeron con respecto ao ano anterior, quedándose nun 38 e un 42 por cento respectivamente. Pero para desastroso, os campings. Tan só ocupáronse un 19,25 por cento das súas prazas, case 25 puntos menos que a campaña pasada.
Estes resultados, segundo Francisco González, "representan claramente a situación actual da conxuntura turística, cunha reserva directa e online de última hora moi sensible a cambios, a unha crise económica que segue golpeando e un sector económico como o turismo que aínda que segue resistindo, necesita medidas urxentes".
Por iso é polo que os empresarios turísticos de Sanxenxo fagan un chamamento tanto á administración autonómica como á estatal "por unha aposta clara e efectiva polo sector do turismo", como sector revulsivo clave ante a crise económica nos próximos anos, xerador de emprego e PIB, sobre todo naqueles municipios turísticos "maduros e consolidados" como o pontevedrés.
Neste sentido, González apunta a que, entre todos, "debemos de dar pasos importantes para evitar a excesiva dependencia do turismo nacional en Galicia, débense tomar medidas valentes respecto ao sistema aeroportuario actual e elixir con tento en que destinos imos investir o pouco diñeiro que hai para promoción". Para iso entende que, sen dúbida, "hoxe máis que nunca o sector público e privado deben traballar da man".