Faise pasar por discapacitada para aparcar á porta do traballo
Por Natalia Puga
A Policía Local de Pontevedra denunciou unha muller de pouco máis de 20 anos por uso abusivo e indebido das prazas de estacionamento reservadas para condutores ou persoas con discapacidade. Constataron que non ten ningunha discapacidade e, malia todo, aparcaba a diario nunha praza específica da rúa Augusto González Besada. Para iso, usaba a tarxeta dun veciño de Barro.
Segundo fontes policiais, unha veciña de Pontevedra púxose en contacto coa Policía Local para 'chivarse' de que unha moza aparcaba practicamente a diario nunha praza para discapacitados e non levaba a ninguén no coche nin parecía ter un impedimento físico
Tras recibir a denuncia, a Policía realizou un seguimento entre os días 25 e 27 deste mes para constatar se efectivamente realizaba un uso indebido destas prazas reservadas. O primeiro día localizárona estacionando e sen levar acompañante. Tras deixar o coche, dirixiuse a un portal no que traballa, saíu dúas horas e media máis tarde e dirixiuse á estrada de Vilagarcía. Ao día seguinte repetiu comportamento e o día 27 ao non encontrar praza en Augusto González Besada estacionou en Palamios, tamén nunha praza para discapacitados.
Tras constatar este comportamento indebido durante tres días, a Policía Local considerou acreditado que facía un uso indebido e abuso destas prazas limitadas de estacionamento, chamou á grúa para que retirase o vehículo e o impuxo tres denuncias por estacionamento indebido e uso indebido dunha tarxeta para discapacitados.
Por cada unha das denuncias a condutora será sancionada con 200 euros, ademais de ter que asumir o custo do enganche da grúa. En canto á persoa titular da tarxeta, un home de Barro, enfróntase agora a unha proposta de retirada deste dereito que se outorga ás persoas con discapacidade.
Este tipo de uso indebido das prazas reservadas para estacionamento de persoas con discapacidade non é moi frecuente en Pontevedra, onde o habitual é respectar os aparcadoiros específicos, uns 90 na cidade. En 2012, houbo 390 denuncias por estas infraccións, o 3,4% do total das impostas pola Policía Local, e houbo 185 vehículos retirados por este motivo.