A canceira provincial atende unha media anual de 50 animais maltratados
Por Oskar Viéitez
O centro de acollida e protección animal (CAAN) da Deputación de Pontevedra atende unha media anual de 50 cans procedentes de situacións de malos tratos, segundo informou a deputada Eva Vilaverde durante a presentación da campaña "Devólvelle a confianza", unha iniciativa de sensibilización sobre a rehabilitación de animais maltratados.
Eva Vilaverde apuntou en que "o propio abandono supón xa de por si malos tratos", e sinalou que "un 15% dos cans recollidos no CAAN presentaban lesións ou enfermidades graves no momento da súa entrada provocadas por neglixencias e accidentes, pero tamén por situacións obvias de malos tratos severos".
A deputada delegada deste centro estivo acompañada na presentación polo xefe de servizo de Asistencia Intermunicipal, Gabriel Rodríguez, polo xefe do servizo veterinario, José Luis Pedreira, e por Ramón Pérez, un veciño de Vilanova de Arousa, que acaba de adoptar a Otto, un dos cachorros maltratados recollidos en Soutomaior.
A campaña terá presenza nos medios de comunicación e inclúe 10.000 carteis e 100.000 trípticos informativos que se repartirán por todos os concellos da provincia e as entidades colaboradoras.
Para ilustrar a realidade dos animais maltratados acollidos no centro e a situación na que chegan, José Luis Pedreira explicou casos concretos de cans que foron recollidos en condicións límites e que tras recibir a atención veterinaria pertinente, chegaron a ser adoptados.
Entre os casos máis rechamantes citou o de Ponte Caldelas onde se retiraron nove cans vivos adultos, dous cadáveres con signos de malos tratos para a realización de necropsia e cinco cranios sen determinar a especie. Os nove cans, de razas grandes, foron identificados e trasladados ao centro, nunhas condicións de parasitación moi forte e en condicións corporais moi malas. Unha vez que o xulgado autorizou a súa cesión, seis xa foron adoptados e tres continúan en proceso de recuperación no centro.
Neste momento preto de 600 animais permanecen nas instalacións do CAAN
Tamén se referiu ao caso de Soutomaior, onde se retiraron doce cans vivos -sete adultos e cinco cachorros- e tres cadáveres para necropsia. Os cans recollidos tamén presentaban moi malas condicións sanitarias, con sarnas e infeccións graves de pel e feridas, e de feito, dous faleceron no centro. Actualmente, despois da pertinente autorización do xulgado, seis foron adoptados e catro seguen esperando.
"A Deputación non podía quedar impasible ante os casos tan graves de malos tratos animais que se detectaron nestes últimos tempos", asegurou a deputada nacionalista.
Durante o ano 2016, o CAAN realizou un total de 1.550 intervencións. Destas, 315 cans xa foron devoltos ao seu propietario no lugar do aviso; 214 foron recollidos polo propietario no centro e 969 entraron no centro.
En canto ás cifras de adopcións, durante o pasado ano foron adoptados 445 cans, o que supuxo un gran aumento con respecto ao ano 2015, no que foran adoptados 320.
Neste momento preto de 600 animais permanecen nas instalacións do CAAN.
Relacionadas:
-
Unha campaña audiovisual para achegarse á problemática do abandono animal "con outros ollos"
Por Natalia Puga |
-
Piden non regalar animais no Nadal: un 40% abandónanse tras varios meses
Por Redacción |
-
Tres veciños de Campañó, investigados por ter cans en condicións "deplorables"
Por Redacción |
-
A Deputación asina un convenio co colexio de veterinarios destinado ao benestar animal
Por Redacción |
-
A II Carreira Solidaria Montes de Curro contou con máis de cen participantes
Por Redacción |
-
Deteñen un home por maltrato animal ao atoparlle na súa leira 15 cans en situación deplorable
Por Redacción |
-
Aparecen varios cans mortos en Ponte Caldelas con brutais signos de violencia
Por Redacción |
-
A Deputación estudará a colaboración con entidades privadas para atender aos cans abandonados
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Inician unha campaña contra o abandono de cans porque "está na túa man"
Por Diego Espiño |