Preocupación pola retirada de amianto do colexio de Vilaverde coincidindo coas clases
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, reuniuse este venres con membros do equipo directivo do CEIP Vilaverde de Mourente, e da asociación de nais e pais de alumnos (ANPA), que están preocupados polas obras de reforma deste colexio que inclúen a retirada de amianto, coincidindo co desenvolvemento das clases.
Segundo apuntaron os responsables da unidade técnica da Xefatura Territorial e da empresa, estes traballos de retirada do amianto levaransen a cabo aplicando un protocolo de seguridade que "garantirá que a comunidade educativa non se vexa perxudicada polas obras".
Ademais indicaron que a retirada do amianto levaraa a cabo unha empresa especializada en tratar este produto que ten efectos canceríxenos, un labor que desenvolverán "nun horario non que se garanta que non hai nin alumnos nin persoal educativo no colexio".
César Pérez Ares lembrou que "este tipo de obras, de gran importancia, xa se fixo noutros cinco centros da provincia nos últimos tempos, entre outros no Campolongo e no Chancelas, e nunca se produciu problema de ningún tipo porque hai total coordinación entre a dirección do centro, a unidade técnica da Xunta e as empresas encargadas das obras".
As obras foron adxudicadas esta mesma semana á empresa Taboada e Ramos e teñen un orzamento que rolda os 381.000 euros cofinanciados con fondos FEDER.
Estas actuacións contémplanse dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética e consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; o cambio de falsos teitos por placas coas características acústicas idóneas; e a reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista.
Relacionadas:
-
O colexio Vilaverde xa ten nova caldeira
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara: O profesor que supervisa a Educación en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
A Xunta acometerá obras en oito centros educativos de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Educación destina 442.000 euros para a rehabilitación integral do colexio Vilaverde
Por Redacción |