Peque González releva a Xoán Hermida na coordinación de Marea Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A coordinadora de Marea Pontevedra, reunida este luns en sesión ordinaria, aprobou as bases para o novo curso político da formación que busca consolidarse como a "oposición útil" do Concello de Pontevedra, nunha liña de reafirmación coa liña aprobada na XVIII Asemblea do 26 de xaneiro deste ano.
Para esta nova etapa "que conducirá a Marea Pontevedra ao goberno da cidade no 2019" produciuse un relevo na coordinación xeral. A nova coordinadora, elixida por unanimidade, é Peque González Novoa, psicóloga e ensinante que xa formou parte da permanente de Marea Pontevedra nos últimos dous anos e que foi membro da coordinadora fundacional de En Marea.
Dende esta formación política aseguraron que Xoán Hermida, anterior coordinador, "seguirá colaborando como ata agora con Marea Pontevedra, nos aspectos para o que sexa requerido".
Nos vindeiros días a coordinadora xeral de Marea Pontevedra coñecerá ao equipo permanente que a propia Peque González presentará para a súa aprobación.