Luís Rei quere repetir como cartel electoral de Marea Pontevedra para as próximas municipais
Por Oskar Viéitez
O concelleiro Luís Rei anunciou que concorrerá ás primarias para volver ser cabeza de cartel de Marea Pontevedra para as eleccións municipais de 2019.
O portavoz do grupo municipal de Marea compareceu este martes en rolda de prensa para facer balance do "bo traballo" realizado nestes tres anos e anunciar a súa candidatura ao proceso de primarias, porque "non son partidario de deixar as cousas a medias".
Luís Rei ofrece continuidade no proxecto local defendido por Marea aspirando a "acceder ao goberno" xunto a outras formacións de esquerda. "Nunca gobernaría co PP nin con Cidadáns", precisou.
Este mércores trasladará a súa intención á asemblea xeral de Marea Pontevedra á vez que roga á coordinadora que inicie "canto antes" o proceso para designar ao candidato no primeiro trimestre do 2018. O seguinte paso sería a designación do resto de membros da candidatura que "sería bo" que se enmarcase entre setembro e outubro.
Segundo Luís Rei neste proceso, que será aberto aos máis de 300 inscritos no partido e tamén "a calquera cidadán de Pontevedra que estea interesado", elixiranse o resto de membros da lista paritaria de 25 representantes. Conformaría "o mellor equipo" no que incluiría a "xente que agora mesmo non está publicamente en Marea", puntualizou.
Por agora non consta que existan outras persoas coa intención de presentar a súa candidatura ao proceso de primarias de Marea Pontevedra para rivalizar con Luís Rei.
Relacionadas:
-
Luís Rei presenta os avais para ser candidato de Marea á alcaldía de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Marea elixirá o 9 de febreiro o seu candidato para as municipais de 2019
Por Redacción |
-
O goberno local traballa nun orzamento de 74 millóns de euros que negociará de maneira "preferente" con Marea
Por Oskar Viéitez |
-
Peque González releva a Xoán Hermida na coordinación de Marea Pontevedra
Por Oskar Viéitez |