Cruz Vermella en Pontevedra crea novos grupos de avós educadores
Por Redacción
Os avós xogan un papel crave en moitas familias xa que cumpren unha función educadora e de coidado cos seus netos. Sen a axuda dos avós, en moitas familias non sería posible a conciliación. Hai persoas que están unha parte significativa da xornada cos máis pequenos, durante o curso escolar estes tempos adóitanse concentrar nas tardes pero durante as vacacións adoitan variar e abarcar tamén as mañás.
Coñecedora desta realidade, Cruz Vermella aposta por desenvolver un programa que sirva de apoio e sexa de utilidade, tanto para os propios avós como para os pais, en termos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
O programa de Avós Educadores púxose en marcha no outono do ano pasado e conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Ofrecer un soporte social aos avós que exercen labores parentales, desenvolvendo unha acción preventiva fronte á tensión que leva a crianza e coidado dos nenos é o seu principal obxectivo.
Na primeira edición constituíronse 18 grupos cun total de 210 participantes e na segunda, a previsión é formar 16 novos grupos con 160 participantes aproximadamente.
Pontevedra é unha das cidades nas que leva a cabo este proxecto específico. Están a organizarse os grupos da segunda edición e aínda hai algunhas prazas dispoñibles polo que as persoas interesadas poden solicitar máis información ou apuntarse na asemblea que Cruz Vermella ten na rúa Pai Gaite, 5, telf. 986 85 21 15.
Outra das finalidades do programa é proporcionar información e recursos ás avoas e avós para abordar situacións que se lles presentan cos seus netos no día a día. Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós (e pais) co coñecemento de realidades e tendencias máis ou menos novas para eles en temas como: tecnoloxía e redes sociais, resolución de conflitos e acoso escolar, ferramentas lúdico-educativas e demáis.