Botou a andar un novo curso da Escola de Cantería
Por Redacción
Este luns 2 de outubro iniciouse o novo curso na Escola de Cantería da Deputación para un total de 30 alumnos que se formarán neste centro, situado no concello de Poio, ata finais de xuño do ano que vén.
A Escola de Cantería da Deputación está dirixida a persoas menores de 35 anos, que teñan na súa posesión o título de graduado escolar ou que rematasen o nivel educativo equivalente.
O centro educativo oferta dúas modalidades de formación, a ordinaria para a formación en cantería (que dura tres anualidades) e mestre (que dura cinco) maila específica, en horario nocturno, dirixida a persoas con coñecementos previos en cantería.
Este ano a Escola de Cantería conta con 12 alumnos en formación ordinaria, distribuídos entre cinco anualidades. Nesta modalidade, o alumnado recibe formación nas materias de debuxo artístico, debuxo técnico, construción, historia da arte, cantería, escultura e modelado.
Por outro lado, este ano están matriculadas na formación específica un total de 17 persoas, que recibirán formación en escultura e cantería.
Desde o ano 1979 a Escola de Cantería ensina a traballar a pedra e a estimular a vocación artística para o desenvolvemento da artesanía no sector da elaboración dos traballos en pedra. As persoas que aquí estudan reciben unha formación moi completa estudando, ademais de cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción e realizando prácticas de laboratorio e informática.
Xunto á formación regrada para obter o título tamén se imparte formación complementaria sobre programas de deseño asistido, cursos de Autocad, de Photoshop, de primeiros auxilios ou de riscos laborais.
A formación que o alumnado recibe nesta escola é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal.
Ademais, antigos alumnos están a traballar na restauración do Capitolio de Washington, na restauración do barrio de Chiado de Lisboa, na restauración e rehabilitación da Catedral de Santiago, na construción da Sagrada Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.
Relacionadas:
-
A Fonte da Praza de Arriba será restaurada pola Escola de Cantería
Por Redacción |
-
Carmela Silva reclama que a rehabilitación do patrimonio histórico só a fagan persoas tituladas
Por Redacción |
-
Vilaboa homenaxeará o Entroido de Cobres cunha fonte de pedra
Por Redacción |
-
Un cruceiro marítimo no Grove para reivindicar a ruta Traslatio
Por Redacción |
-
A Escola de Cantería busca o próximo Mestre Mateo
Por Noticia patrocinada |
-
Un obradoiro da Deputación dará traballo a 24 persoas para mellorar a xardinaría e o mobiliario urbano da provincia
Por Redacción |