Os bares poderán instalar as súas terrazas a partir das nove da mañá
Por Alejandro Espiño
Os case trescentos establecementos hostaleiros de Pontevedra que teñen autorizada a instalación de terrazas estarán regulados moi pronto por novas normas. O Concello está a ultimar unha modificación do actual regulamento que terá vixencia ata a elaboración dunha nova ordenanza de uso dos espazos públicos a nivel global.
Esta solución "transitoria", como a cualifica a concelleira Anabel Gulías, permitirá abordar os aspectos máis problemáticos que ten, tanto para o sector como para os veciños, a actual normativa, e intentar resolvelos o antes posible para unha mellor convivencia.
Tras unha rolda inicial de contactos cos hostaleiros, as asociacións de veciños ou colectivos sociais que fixeron as súas achegas, os técnicos municipais xa teñen listo un borrador que será presentado, a partir da próxima semana, a todos os interesados. Tamén se entregará á oposición para que poidan realizar as súas propias suxestións.
O principal cambio da ordenanza refírese ao horario no que poderán estar instaladas as terrazas na vía pública. A partir de agora, adiántase o permiso e establécese un horario único que irá das nove da mañá -e non desde as once como na actualidade- ata a unha e media da madrugada. O horario será o mesmo de luns a domingo.
Iso si, todos os locais terán permiso para recoller a terraza máis tarde en eventos especiais como as Festas da Peregrina, a Feira Franca e, como novidade, durante a celebración de eventos que o Concello considere de interese como o Entroido ou a noite de San Xoán, que serán anunciados a través dun bando.
Os hostaleiros poderán sacar as mesas e as cadeiras fóra do local desde o momento da súa apertura, pero só estarán autorizados a colocalos no horario establecido.
A ocupación do espazo público, ademais, deberá garantir sempre a accesibilidade e amplíase dun metro a 1,80 metros a distancia mínima que deberá haber libre nunha beirarrúa.
A modificación habilita tamén un instrumento de actuación para que o Concello teña a posibilidade de intervir no despregue de veladores en zonas complexas ou onde existan intereses enfrontados, por exemplo en prazas, de forma que se non hai acordo entre os locais será o propio Concello quen determine o espazo que pode ocupar cada un.
Os técnicos incluíron tamén unha serie de recomendacións respecto ao uso de sistemas de calefacción, materiais dos veladores ou os peches laterais, cuestións que xa están recollidas na ordenanza vixente e sobre as que se porá en marcha campañas de vixilancia co fin de intensificar o seu control.
A este respecto, Anabel Gulías recordou que os bares teñen prohibido utilizar todo tipo de ancoraxes ou peches nas terrazas, tanto de plástico como de outro tipo de elementos, polo que serán sancionados se os servizos de disciplina urbanística detectan o seu uso en calquera zona da cidade.
As sancións, a partir de agora, tamén están fixadas. Oscilarán, en función da gravidade da irregularidade cometida, entre os 300 e os 3.000 euros.
Esta normativa estará en vigor ata a aprobación da ordenanza de usos de espazos públicos no que o Concello xa comezou a traballar e que regulará de forma global todas as cuestións relativas a ocupación das rúas e prazas da cidade.
Relacionadas:
-
Os hostaleiros terán unha moratoria de seis meses para adaptarse á nova normativa
Por Alejandro Espiño |
-
Adeus aos peches das terrazas dos bares
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xuntará os hostaleiros para presentar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares consideran un "parche" a modificación da normativa de terrazas
Por Redacción |
-
O Carabela perde o monopolio da terraza na Praza da Estrela
Por Oskar Viéitez |
-
As federacións de veciños piden que a ordenanza de terrazas garanta o descanso dos cidadáns
Por Redacción |
-
O "bo ambiente" entre sectores, clave para acelerar a ordenanza de terrazas
Por Alejandro Espiño |
-
Os comerciantes piden que as terrazas dos bares non resten visibilidade aos seus negocios
Por Redacción |
-
O Concello, "predisposto" a ampliar o horario das terrazas da hostalería
Por Alejandro Espiño |