Novagalicia Banco ten dereito a estar na Cámara de Comercio de Pontevedra?
Por Redacción
Novagalicia Banco ten dereito a estar na Cámara de Comercio de Pontevedra? A ocupar unha vogalía? Hai voces críticas que opinan que non e así llelo fixeron saber á Xunta de Galicia pola súa condición de administración tutelante do órgano cameral.
A Dirección Xeral de Comercio non o ten claro e reclama máis información para poder emitir un xuízo de valor. A actual directora xeral e ex número 2 deste departamento autonómico, Sol María Vázquez Abeal, remitiu esta mesma semana un escrito á Cámara para esixir que "remita informe en relación cos feitos sinalados o máis axiña posible".
O documento, ao que tivo acceso PontevedraViva, saíu da Administración autonómica o 1 de abril e responde a un escrito que tivo entrada no rexistro xeral da delegacion territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra o pasado 18 de marzo.
No documento enviado a Comercio faise referencia a que "no momento actual está a ocupar unha vogalía non Pleno da Cámara unha entidade, Novagalicia Banco, que non cumpre cos requisitos esixidos" no Decreto 431/2009 que está actualmente en vigor.
As persoas críticas coa súa presenza no órgano cameral consideran que incumpre catro condicións para ser membro lexítimo do Pleno, derivados todos eles de que no momento no que se elixiu aos integrantes deste a entidade bancaria non existía como tal, senón que para a vocalía que ocupa na actualidade foi elixida a desaparecida Caixanova.
Ao converterse a caixa en banco, Novagalicia Banco herdou o posto no Pleno, pero o que terá que dilucidar agora a Dirección Xeral de Comercio sobre a base da información solicitada á Cámara é se realmente inclumple os catro requisitos sinalados polos críticos. Trátase dos artigos 4, relativo ao censo electoral; 5, de electores e electoras; 10, requisitos para ser elixible; e 60, que regula as vacantes e perda de condición de membro do Pleno.