Un camión impacta contra a fachada dun banco da rúa Michelena
Por Redacción
Un camión de transporte lixeiro impactaba na mañá deste martes contra a fachada do Banco Caixa Geral situado na esquina entre a rúa Gutiérrez Mellado e Michelena.
O suceso rexistrábase pasadas as 10.30 horas neste céntrico punto da cidade. Por causas aínda sen esclarecer, o camión tentaba realizar o xiro de Gutiérrez Mellado cara á rúa Michelena en dirección á praza de España, segundo testemuñas presenciais. Con todo, ao realizar a manobra impactaba contra a entrada da entidade bancaria abolando o cartel da sucursal.
O camión pertence a unha empresa de Xixón, Ban Kompra, dedicada ao mobiliario de ocasión de hostalería. No incidente non se rexistraron feridos.
Numerosas persoas sorprendéronse ante o impacto e non dubidaron en facer fotografías do curioso suceso.