Telmo Martín destaca que o compromiso co novo colexio de Vilalonga "agora si que é real e contundente"
Por Oskar Viéitez
No marco das reunións que veñen mantendo coas ANPAS de todos os colexios, este martes, o alcalde, Telmo Martín e a concelleira de educacion, Paz Lago mantiveron unha reunión coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos do colexio O Cruceiro de Vilalonga.
O alcalde comezou a reunión dicindo que era plenamente consciente que nos últimos anos houbo demasiados atrasos e incumpríronse moitos dos compromisos sobre o novo colexio de Vilalonga e comprometeuse a "facer máis xestión e ser máis eficaz".
Neste sentido, informou os presentes de que o compromiso da Xunta co novo colexio, "agora si que é real e contundente", e citou como proba os 300.000 euros consignados no orzamento do 2018 para a redacción do proxecto de execución e a licitación do mesmo.
"Xa existe un proxecto do colexio no que o goberno quere facer algunhas melloras. Mesmo se o proceso de licitación avanzase a bo ritmo as obras poderían iniciarse a finais de 2018, ou no peor dos casos en 2019, para o que o orzamento da Xunta contempla unha partida de 3.410.000 euros".
O alcalde tamén informou que o Concello está á espera de que o Catastro lle remita a documentación necesaria para poder inscribir os terreos no rexistro e a continuación cederllos á Consellería de Educación.
Outros dos temas tratados na reunión foron, a seguridade viaria da contorna ao centro, con achegas dos asistentes en busca dunha mellora e solución definitiva e pequenas reparacións que se pretenden acometer no centro, para o seu mantemento, ata a construción do novo colexio.
Ademais, traballarase nunha mellora do servizo de transporte, para que poida axustarse mellor ao horario do centro e sexa un servizo de calidade, que provoque que un maior número de nenos fagan uso do mesmo.
Relacionadas:
-
O pleno de Sanxenxo aprobará a posta a disposición definitiva dos terreos do Revel
Por Redacción |
-
Sanxenxo aprobará a posta a disposición "definitiva" da Xunta dos terreos para o colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |
-
Os orzamentos da Xunta inclúen fondos para o novo colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |
-
Podemos Sanxenxo pide a Telmo Martín un control da seguridade nos accesos aos colexios
Por Redacción |