Novo paso para a rehabilitación do Casco Vello e o barrio da Banda do Río
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinou este xoves na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Santiago de Compostela o acordo da comisión bilateral relativa á Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Vello e do barrio da Banda do Río Lameira.
Dentro do obxecto do este acordo contémplanse 119 vivendas cuxo custo estimado de actuación ascende a 690.400 euros. A declaración foi realizada pola Xunta con data 16 de setembro de 2015 incluíndose ademais da área do casco vello, a zona de Banda do Río.
Para obras de rehabilitación destínanse 570.400 euros, para obras de reurbanización dentro da área 60.000 euros e para o equipo técnico de xestión destas axudas 60.000 euros.
A oficina de tramitación das axudas á área de rehabilitación está situada na casa do balcón e é a que xestiona a parte administrativa e técnica do proxecto que se está executando, tratando de conseguir a implicación do maior número de veciños e de orientar á consecución daquelas axudas que entran no obxectivo de cada unha das convocatorias.
A duración das actuacións previstas no acordo asinado este xoves establécese ata o 31 de decembro de 2018.