Deseñan unha "ambiciosa" remodelación de todo o ámbito de San Cibrán
Por Alejandro Espiño
Un proxecto "ambicioso" e "moi esperado". Así describe a presidenta da comunidade de montes de Tomeza, Diana Rodríguez, a actuación que executará o Concello de Pontevedra ao longo de 2018, con cargo a fondos europeos, para a rehabilitación e posta en valor da contorna da ermida e o miradoiro de San Cibrán.
"Vaille a dar moita vida a San Cibrán. É un proxecto do que nos imos a sentir moi orgullosos na parroquia", explicou Rodríguez, ao permitir recuperar un espazo que actualmente está "moi deteriorado" e no que se rexistraban, segundo denunciou, condutas pouco apropiadas como festas privadas ou carreiras de coches ao redor da igrexa.
Actuarase nun espazo duns 5.800 metros. O edil Alberto Oubiña detallou o proxecto, no que se investirán 114.000 euros, e que foi aprobado tanto polo Consello Parroquial como pola asemblea dos comuneiros, propietarios destes terreos.
A primeira actuación está destinada a impedir o acceso dos vehículos a todo este espazo. Colocaranse bolardos móbiles no acceso principal a San Cibrán, que se poderán retirar en caso de emerxencias. Ademais, para permitir o acceso ás orquestras, crearase un acceso pavimentado pola parte norte desde o que se poderá despregar o palco para as actuacións.
O palco existente será derrubado ao non ser utilizado xa e existir risco de desprendemento, o que permitirá ampliar a zona destinada á celebración de eventos lúdicos e festivos. Para separar este espazo da ermida construirase un banco corrido.
Na contorna da capela colocarase un pavimento diferenciado que debuxará un óvalo ao seu arredor e substituiranse os actuais capachos con pedras por unha especie de "bañeiras soterradas" colocadas en diferentes puntos e nas que se depositará a grava miúda coa que cumprir o rito de San Cibrán.
Por último, mellorarase o estado actual do miradoiro. Retirarase todo o tellado e manterase a súa portada. A principal novidade é que se alongará todo o espazo cara a un lateral, creando un miradoiro máis estreito e máis longo que garantirá o acceso ás persoas con mobilidade reducida. A actuación complétase coa poda dalgunhas árbores para mellorar a visibilidade.
Este proxecto súmase ás intervencións anunciadas previamente en Casal do Río, o centro cultural de Lusquiños e na contorna da igrexa de San Pedro.
Todo este ámbito de centralidade parroquial estará unido por viarios onde se acougará o tráfico coa instalación de dez pasos de peóns sobreelevados.
O orzamento global destas cinco actuacións ascende a 564.000 euros.
Relacionadas:
-
Saen a licitación dúas obras en Tomeza
Por Oskar Viéitez |
-
Patrimonio non autoriza o proxecto para mellorar o ámbito de San Cibrán
Por Redacción |
-
O goberno local desbloquea a remodelación de todo o ámbito de San Cibrán
Por Oskar Viéitez |
-
Pouco meigallo que sanar en San Cibrán
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Tomeza mellorará a imaxe de varios puntos de lecer da parroquia
Por Redacción |