O Sergas sae ao paso da manifestación en defensa da sanidade pública presumindo de inversións no Salnés
Por Oskar Viéitez
Na véspera da marcha convocada para este domingo en favor do mantemento da área sanitaria do Salnés e contra a modificación da Lei de Saúde de Galicia o Servizo Galego de Saúde (Sergas) emitiu un comunicado no que destaca os seus "investimentos e contínuas melloras".
A mobilización está convocada pola plataforma pola sanidade pública do Salnés e consistirá nunha camiñada entre o ambulatorio de San Roque, en Vilagarcía, e o Hospital Comarcal a partir das 11.30 horas.
Pola súa banda o Sergas lembra a recente ampliación Hospital do Salnés e inversións adicionais en tecnoloxía efectuadas recentemente, coma son a nova sala de Radioloxía e o novo detector radiográfico dixital.
Ademáis sinala que no vindeiro ano 2018, a administración sanitaria pública galega dotará ao Hospital do Salnés dunha nova área de Esterilización así coma un novo Hospital de Día que ampliará a súa actual carteira de servizos.