O trasvase de auga do Verdugo, camiño dos xulgados
Por Alejandro Espiño
Todo apunta a que, se as posturas de ambas as partes non cambian substancialmente nos próximos días, o anunciado trasvase de auga entre o río Verdugo e o encoro de Eiras -que abastece a Vigo e a súa área metropolitana- acabará nos tribunais de xustiza. Ponte Caldelas ultima xa dous recursos para esixir a paralización desta medida.
O informe xurídico encargado polo goberno municipal propón ata tres medidas, tanto administrativas como xudiciais, en función das decisións que adopte a Xunta de Galicia.
A administración autonómica, entenden desde Ponte Caldelas, está "obrigada" a aprobar o proxecto do trasvase e sometelo a exposición pública, un proceso ao que se poderán presentar alegacións. No caso de que non se admitan as que remitirá o Concello, presentarase un recurso contencioso ante o órgano competente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que levará aparellado a solicitude de paralización cautelar do trasvase.
Así o explicou este martes o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Un segundo recurso presentaríase no caso de que Augas de Galicia execute a obra pola vía de urxencia, sen aprobar previamente o proxecto e a avaliación ambiental. Sería un recurso ante o xulgado do contencioso de Pontevedra contra a actuación material pola vía dos feitos, o que anteriormente se coñecía como interdicto, que tamén esixirá a paralización inmediata das obras.
Andrés Díaz entende que o problema radica na "escasísima calidade" do goberno galego, ao "comprometer" á administración autonómica con actuacións de "dubidosa legalidade".
O rexedor engadiu que "baixo ningún concepto" esta obra, valorada en 5,5 millóns de euros, pode ser considerada como de emerxencia, polo que debe estar precedida dos estudos "pertinentes", dun proxecto técnico "correctamente aprobado" e do correspondente "escrutinio social" da exposición pública.
CONCENTRACIÓN EN PONTEVEDRA
Ao mesmo tempo, o Concello de Ponte Caldelas xa comezou a organizar unha segunda mobilización social contra este trasvase que terá lugar, en data aínda por decidir, ante a delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Trataríase de darlle continuidade ás protestas nas rúas que comezaron o pasado domingo cunha multitudinaria manifestación en Ponte Caldelas.
O goberno municipal asegura estar "disposto" a sufragar autobuses ata Pontevedra para facilitar a asistencia dos veciños. Ademais, iniciarán unha rolda de contactos para pedir o apoio de colectivos sociais e ecoloxistas de toda Galicia contra unha decisión que cualifican de "salvaxada ambiental".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas busca unha fronte común con Pontevedra, A Lama e Soutomaior contra o trasvase
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas abrirá expediente por realizar medicións para o trasvase do Verdugo sen permiso municipal
Por Redacción |
-
Mosquera advirte que o BNG na Deputación rexeita o trasvase de auga do río Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
"Do noso peto non se rega o dinoseto"
Por Alejandro Espiño |
-
O trasvase do Verdugo, un "delito ambiental" que o BNG denunciará en Bruxelas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra, contra o trasvase do Verdugo pola ausencia de estudos "serios"
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Caldelas advirte a Augas de Galicia da súa intención de tomar medidas legais
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas, en pé de guerra polo "expolio" do río Verdugo
Por Alejandro Espiño |
-
Unanimidade en Ponte Caldelas contra "calquera tipo de trasvase" no Verdugo
Por Redacción |