O Concello ultima unha nova ofensiva polo antigo edificio de Facenda
Por Alejandro Espiño
Ao goberno municipal preocúpalle o estado no que se atopa o antigo edificio de Facenda, situado á beira da igrexa de San Francisco. Ante o silencio que mantén o Goberno central sobre o inmoble, o Concello ultima unha nova proposta.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lamentou que o executivo de Mariano Rajoy non dese "resposta algunha" ás reiteradas peticións que, desde o Concello e a Deputación de Pontevedra, realizaron para lograr a cesión do inmoble.
Nos últimos anos, estas dúas administracións propuxeron diversos usos públicos para este edificio, actualmente abandonado tras o traslado da Axencia Tributaria a Campolongo. Así, falouse del como nova sede do Arquivo Provincial ou como un espazo de investigación vinculado co Museo de Pontevedra, que contase cunha gran biblioteca.
Fernández Lores avanzou que este "é un tema que temos en carteira" e que desde o goberno municipal "teremos que atacar pronto".
O alcalde engade que, a diferenza do convento de Santa Clara, a antiga sede de Facenda en Pontevedra podería ter un uso público "importante", polo que se debe atinar coa proposta "adecuada" para convencer ao Goberno da súa cesión.
"Hai que tomar unha decisión", sinalou Lores, que garantiu que no Concello "estamos vendo cousas" e haberá novidades moi pronto a este respecto.
Relacionadas:
-
Cultura quere converter o edificio de Facenda en San Francisco no Arquivo Histórico Provincial
Por Alejandro Espiño |
-
O PP cre que "é o momento" para unha Casa da Cultura no edificio de Facenda
Por Redacción |
-
O antigo edificio de Facenda, futuro arquivo histórico provincial?
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón que o Concello concentre os servizos municipais na antiga Delegación de Facenda
Por Anxo Lourido |
-
A antiga sede de Facenda queda totalmente baleira
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |