O 51244, segundo premio da Lotería de Navidad, cae no Grove
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A sorte da Lotería de Nadal cae nas Rías Baixas. O número 51244, agraciado co segundo premio, foi vendido no Grove. Son 125.000 euros por décimo.
En concreto, o número vendeuse na administración de loterías situada na Aldea Comercial da illa da Toxa.
Foi, ademais, un premio moi repartido. Tamén se vendeu, entre outras localidades, en Baiona (Pontevedra), Culleredo e Santa Comba (A Coruña), ou Monforte de Lemos (Lugo).
Na provincia de Pontevedra tamén se repartiu un quinto premio. Trátase do número 58808, que estaba consignado, entre outros, en Vigo e O Porriño.
Outro quinto premio, o 18065, distribuíuse tamén na cidade olívica. Unha administración situada na Avenida das Camelias vendeu 18 series deste número, polo que repartiu máis dun millón de euros. Foi adquirido de forma íntegra por un bar de Salvaterra de Miño.
Vigo repetiu de novo co 00580, número ao que correspondeu outro quinto premio, de 6.000 euros por décimo. Neste caso, vendeuse en dous puntos da cidade. Foi no Café Pereiro, na avenida de Castrelos, e no Centro Comercial Gran Vía.
O Grove e Vigo pecharon o sorteo cun novo quinto premio, o que recaeu no número 22253. Premiado con 6.000 euros ao décimo foi tamén vendido en Tui, Salvaterra de Miño e Ponteareas.