Un veciño do Vao doa aos Servizos Sociais de Poio parte do seu premio da Lotería de Nadal
Por Redacción
A concelleira de Benestar do Concello de Poio, Rosa Fernández, revelou que un veciño do Vao entregou á sede de Servizos Sociais do Concello, na Casa Rosada de Poio, unha parte do diñeiro que lle tocou no sorteo do Gordo da Lotería de Nadal do pasado 22 de decembro.
A xenerosa doazón "de catro cifras multiplicada varias veces" foi entregada en metálico e destinarase ao plan de Emerxencia Social de Poio.
O doante, que desexa permanecer no anonimato, comprara varios décimos do número 51.244, agraciado co segundo premio do Sorteo Extraordinario de Nadal.
Segundo informa o xornalista de Faro de Vigo, Fernando Martínez, este home manifestoulle á concelleira de Benestar que "a min no seu día ninguén me axudou, sóamente vós e agora eu tamén quero axudar ás persoas que o necesiten a través voso".
"Queremos destacar que demostrou ser unha persoa moi xenerosa e moi agradecida porque a el axudárono antes; algo que non é moi común, por desgraza, nesta sociedade", afirmou Rosa Fernández.
A área municipal de Benestar Social revisará agora o seu orzamento para incorporar esta achega.