O Mercantil súmase á compostaxe
Por Alejandro Espiño
Reaproveitar todos os restos orgánicos que se xeran nas súas instalacións de Mourente. É o obxectivo para alcanzar polo Casino Mercantil que, oficialmente, solicitou ao Concello de Pontevedra a instalación dun módulo de compostaxe comunitaria no seu parque de verán.
O Mercantil produce unha media de 61 toneladas de lixo orgánico ao ano, principalmente restos de comida que proceden das cociñas do centro. Supón o 48,9% de todos os residuos que se xeran no centro e equivale ao que xeran 180 habitantes.
Actualmente, a entidade "xa recicla todo o que pode", destacou o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, que se reuniu este martes coa nova directiva do Casino Mercantil. Ademais, parte dos biorresiduos xa se estaban destinando a alimentación animal.
O acordo inclúe a instalación dun composteiro de dez unidades que pasará a estar autoxestionado polos traballadores do Mercantil. Estará situado detrás do pavillón, a uns 90 metros da cociña do centro, e todo o compost que se produza será reutilizado nas propias instalacións.
Haberá, en todo caso, un período de asesoramento dos mestres composteros que visitarán de forma habitual o centro para supervisar o proceso. Será tres veces por semana no seu período inicial e de forma mensual a partir do sexto mes.
Ademais, impartirase un programa formativo para todos os traballadores do Casino Mercantil e celebrarase un obradoiro infantil e unha charla para os socios -o 2 de marzo-, explicándolles en que consiste o sistema de reciclaxe que se implantará nas instalacións.
O Mercantil sumarase así aos produtores "singulares" que xa reciclan todos os residuos orgánicos. Xa o fan o campus universitario da Xunqueira, o cuartel da Brilat e a cidade infantil Príncipe Felipe.
Relacionadas:
-
San Brais e Eduardo Pondal estrean esta semana os composteiros comunitarios
Por Alejandro Espiño |
-
San Brais, primeiro barrio que implantará a compostaxe de forma integral
Por Alejandro Espiño |
-
O de Pontevedra será o primeiro campus de España que compostará todos os seus biorresiduos
Por Redacción |
-
Veciños de Eduardo Pondal e O Gorgullón piden un composteiro para este barrio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os "amigos do estructurante" piden un aplauso para Mosquera
Por Oskar Viéitez |