Fronte común das vilas termais para atraer turistas ás Rías Baixas
Por Redacción
Pontevedra conta co maior número de prazas de aloxamento termal de España e con balnearios de referencia internacional en diferentes tratamentos de saúde e benestar. A partir de aí, as Rías Baixas queren potenciar a chegada de turistas vencellados a esta actividade e por iso as vilas termais da provincia acordaron facer unha fronte común.
É baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra. A súa titular, Carmela Silva, acompañada dos alcaldes de Ponte Caldelas, Catoira, Cuntis, Caldas de Reis, O Grove e Mondariz-Balneario, presentou este xoves a nova sinalización tecnolóxica mediante paneis con códigos QR para promover os recursos turísticos destas vilas, ás que hai que engadir tamén Vila de Cruces.
Silva destacou que da man dos concellos "queremos promover os recursos turísticos que complementan a oferta termal e que o destino termal se posicione como un eixo estratéxico do turismo na provincia de Pontevedra".
O termalismo na provincia é un recurso que o Plan Estratéxico de Turismo contempla como produto estratéxico a desenvolver e que ademais cumpre cos tres parámetros que se marcou o goberno provincial con este documento: desestacionalización, excelencia e sustentabilidade.
Amais, Carmela Silva recordou que as persoas usuarias realizan un gasto ata tres puntos superior aos turistas convencionais e a importancia que estas vilas termais dentro do patrimonio histórico e cultural da provincia de Pontevedra, un dos eixos de promoción nos que está a traballar Rías Baixas.
Os paneis informativos QR que estrearán estes concellos contan cunha imaxe antiga da vila e un mapa co resto dos concellos termais.
A través do móbil, as persoas visitantes poderán acceder a unha información en galego, castelán e inglés, máis ampla que a que se atopa no panel, ben accedendo a través da web, ben escaneando o código QR ou coa tecnoloxía NFC, moi empregada por persoas con diversidade funcional.
A información que achegan os códigos permiten ver máis fotografías, facer navegacións e recibir datos relativos ás localidades situadas preto de cada unha das vilas termais.
APOIO DOS ALCALDES
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, subliñou que o seu municipio tivo un pasado cun balneario no que se aproveitaban as augas mineromedicinais e asegurou que o goberno municipal "traballa para que teña un futuro", porque as augas dan nome ao concello e supoñen unha fonte de turismo "importante e necesaria" para Ponte Caldelas.
Así, explicou que "moi pronto" haberá novidades con respecto ás negociacións emprendidas coa SAREB, o "banco malo", para poder aproveitar as instalacións do vello balneario.
No caso de Cuntis, Manuel Campos, destacou a importancia do termalismo para a vila xa que "supón un pulmón económico" e do mesmo xeito o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou a capacidade do termalismo "para singularizar os nosos pobos".
José Cacabelos, alcalde do Grove, recordou a historia do descubrimento das augas termais da Toxa e o esforzo que está a realizar o concello para recuperar o antigo balneario e impulsar á vila como grande resort de Galicia e o norte de Portugal.
Por todas estas razóns, Silva rematou a súa intervención instando á posta en marcha "si ou si" dunha lei que permita a dirección e xestión pública das augas termais. "No século XXI é inadmisible que as augas termais, que son bens públicos, estean soamente en mans privadas", dixo, un chamamento ao que se sumaron os alcaldes das vilas termais.
Relacionadas:
-
Os socialistas reclaman desde Caldas un plan de turismo termal á Xunta
Por Redacción |
-
O alcalde de Cuntis propón reenfocar e mellorar o programa de termalismo do IMSERSO
Por Redacción |
-
Nace a marca "Auga de Galicia" para darlle valor as nosas augas minerais e termais
Por Redacción |
-
A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Deputación instalará paneis con códigos QR para promocionar as vilas termais da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación abre o prazo aos concellos para que se adhiran ao programa de termalismo
Por Redacción |
-
Impulsan un proxecto para recuperar e poñer en valor as augas medicinais da Freixa
Por Redacción |
-
As vilas termais reclaman unha nova normativa "adaptada as súas necesidades"
Por Oskar Viéitez |