Pontevedra quere ser a provincia cos concellos tecnoloxicamente máis avanzados
A presidenta da Deputación Carmela Silva presentou este xoves os novos servizos tecnolóxicos que se poñerán en marcha proximamente como ferramenta para os concellos de Pontevedra, por mor da aprobación da lei de Procedemento Administrativo Común en 2015, que insta os concellos a mellorar ou incluír procesos tecnolóxicos como novas tecnoloxías, contabilidade municipal e tratamento do padrón.
Con motivo da aprobación da devandita lei, desde a Deputación xa se impulsou unha estratexia global de solucións para as entidades locais que se materializaron na Administración Electrónica, un proxecto de éxito ao que se adheriron máis de 50 concellos, segundo comentou a presidenta. Agora poñerase en marcha un plan de mellora continua, que constará de case 200 sesións de formación, asesoramento e apoio para o persoal dos concellos.
Na sesión foron presentados os dous proxectos que xa están en activo. Por unha banda, o padrón electrónico, impulsado a través dun acordo marco cos concellos da provincia. Tras unha análise previa da situación do padrón en diferentes concellos, desde a Deputación constatáronse carencias no sistema e solucións desfasadas tecnoloxicamente. Co novo servizo, levado a cabo polo grupo Aytos, preténdese mellorar e axilizar os procesos administrativos tanto a concellos como á cidadanía. Será un servizo a través da nube privada, totalmente gratis para as entidades da provincia.
Doutra banda, comprobouse que o parque de sistemas de impresión e dixitalización dos concellos era moi heteroxéneo, e na maioría dos casos insuficiente e cuns custos elevados. Desta forma tamén se oferta un novo servizo de impresión e dixitalización a través dun convenio coa empresa Canon, cun sistema de aluguer de equipos a disposición dos concellos que supoñerá, non só aforro en custos, senón unha mellora das condicións dos servizos.
Carmela Silva tamén quixo adiantar algúns dos proxectos que se están estudando para un futuro, entre os que se inclúen un servizo de backup na nube, o que permitirá aos concellos realizar copias de seguridade online de arquivos; posta en marcha do CAU ou Centro de Atención ao Usuario, que garantirá unha relación máis directa coa cidadanía; un aplicativo de contabilidade para concellos e a compra conxunta de licenzas de software, sistemas operativos e paquetes ofimáticos.