Conectan catro vivendas e dúas naves comerciais ao saneamento da Reigosa
Por Redacción
O saneamento da Reigosa chegará en poucos días a catro vivendas e dúas naves comerciais que quedaron sen este servizo cando se fixo a obra, por parte da Consellería de Medio Ambiente, no verán do ano 2015.
O Concello de Ponte Caldelas recibiu varias peticións dos afectados, que se sentían discriminados ao quedar fóra dunhas obras que, en principio, sanearían toda a zona. Despois dunha actuación municipal realizada xa o ano pasado para enganchar unha vivenda, acométese agora unha nova mellora máis ambiciosa.
O goberno local tripartito acordou a colocación duns 300 metros de tubo de saneamento, de 215 milímetros de sección, aproveitando a traza dun camiño na zona limítrofe entre A Reigosa e a parroquia pontevedresa de Marcón. Por alí baixa ata a zona comercial onde se sitúa unha moblería e unha compravenda de coches.
A sección increméntase neste punto aos 350 milímetros ata conectar co tubo xeral de saneamento, que cruza baixo a estrada autonómica.
A obra, que inclúe varios pozos de rexistro para a conexión das catro vivendas e das dúas naves, quedará rematada nas próximas semanas. Os afectados disporán así da posibilidade de conectarse á rede municipal.
O alcalde, Andrés Díaz, visitou as obras e destacou que trátase duns gastos que está tendo que asumir o Concello por mor das moitas deficiencias do proxecto de saneamento da Reigosa, a última gran obra realizada pola Xunta de Galicia en Ponte Caldelas, xusto antes do remate do anterior mandato municipal.
Non obstante, subliña o alcalde, "foi un proxecto chapuceiro, que deixou moito descontento, ata o punto que se discriminou a varias persoas pola simple razón de que non eran afíns, pero este é o xeito de traballar que tiña o PP en Ponte Caldelas".
As obras de saneamento da Reigosa, que contaron cun orzamento duns 700.000 euros, deixaron tamén a ocupación irregular dunha finca nas proximidades da decantadora, cuxos propietarios xa anticiparon ao Concello a súa intención de acudir ao xulgado.