Cerdedo-Cotobade acomete canalizacións e muros en cinco parroquias
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade está acometendo nestas semanas diversas obras de canalización de augas pluviais e de construción ou reparación de muros de contención en pistas e puntos de ata cinco parroquias para garantir a seguridade viaria, residencial e peonil polas fortes choivas dos últimos meses e pola previsión de que as borrascas sigan afectando ao municipio nos vindeiros días.
Estas actuacións pretenden evitar a escorrentía de augas polas estradas co conseguinte risco de accidentes e posibles derrubos de terra nos lugares máis afectados polo desnivel propio de gran parte do termo.
Así, acometéronse unhas canalizacións de pluviais coa correspondente construción de pasos en formigón no lugar de A Bouza (Viascón), nas estradas San Martiño-Figueroa (Figueroa), Castro-Filgueira (Castro) e no acceso de Loureiro (Figueroa). Así mesmo, procedeuse á creación dun entubamento para as augas de escorrentía coa dotación dunha rexiña en Tomonde.
Por outra banda, ergueuse un muro de contención de grandes dimensións en pedra de mampostería no punto máis alto do lugar de Xesteira (Almofrei) co obxectivo de apuntalar un camiño.
Finalmente, os traballos nesta área tamén chegaron ao lugar de Filgueira (Castro), onde se acometeu unha complexa reparación dun muro na fonte-mina de auga pública existente nesta contorna.
Cubela e o vicepresidente municipal, José Balseiros, explicaron que o concello concede unha gran importancia ás obras hidráulicas, tanto as referidas a garantir o abastecemento, que se plasmarán na vindeira construción de 14 depósitos, como "as necesarias para evitar os posibles efectos perversos da auga de escorrentía por mor das fortes choivas e que serven para dotar de maior seguridade aos nosos veciños na súa circulación por estrada ou nos quefaceres da súa vida diaria nas súas vivendas ou nas súas aldeas".
Relacionadas:
-
Rehabilitar o novo local social de Filgueira custará 89.000 euros
Por Redacción |
-
Figueroa loce un renovado campo da festa con aparcadoiro
Por Redacción |
-
O Concello remata o Plan de Mellora de Vías en Borela
Por Redacción |
-
Ensanchan a vía de Louredo para permitir o paso de vehículos de emerxencias
Por Redacción |
-
A Xunta gastou 60.000 euros no arranxo de catro camiños rurais en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |