Un de cada catro pacientes da área sanitaria ten fígado graxo
Por Redacción
Os profesionais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés constataron nos últimos catro anos un incremento da enfermidade hepática por depósito de graxa e estiman que unha de cada catro persoas da zona ten o fígado graxo. A nivel nacional, un 5% do total da poboación padece ademais inflamación do fígado e risco de desenvolvemento de cirrose.
Segundo os datos recollidos en 2017 sobre os ingresos hospitalarios na área de Pontevedra e O Salnés, 1.262 pacientes rexistraron diagnósticos de enfermidades hepáticas, dos cales 1.016 foron detectados no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 245 no hospital comarcal do Salnés.
Esta cifra supón un incremento considerable con respecto ao ano anterior, pois en 2016 se cuantificaron 1.129 casos (984 en Pontevedra e 145 no Salnés). En relación aos anos 2015 e 2014, rexistrouse unha diminución, pois en total se detectaron 1.378 e 1.452 casos, respectivamente. Esta redución está vencellada, segundo os profesionais, aos avances no tratamento para a Hepatite C.
No caso concreto da enfermidade hepática por depósito de graxa, esta supuña unha doenza que pasaba inadvertida ata agora, mais o aumento da prevalencia da obesidade na sociedade e os hábitos de vida non saudables están repercutindo de forma seria na saúde pública, pois se están detectando un incremento dos casos de cirrose por esta causa, así como cancros de fígado.
O doutor Juan Turnes Vázquez, xefe de servizo de Dixestivo do Complexo Hospitalario Univeristario de Pontevedra e vicesecretario da AEEH, indica que, máis alá do coñecemento da Hepatite C, hai "pouca conciencia" con respecto a que é o que son as enfermidades hepáticas, unhas doenzas que afectan a moita poboación e que, en moitos casos, son fáciles de identificar cunha analítica sinxela. Ao repecto, insiste en que "moitas teñen tratamento ou poden previrse con medidas relativamente básicas".
O doutor Juan Turnes identifica basicamente tres problemas relativos ás enfermidades hepáticas: unha importante carga da enfermidade derivada do consumo de alcol, A Hepatite C e o incremento dos casos de pacientes con fígado graxo, un problema asociado aos hábitos de vida non saudables, ao sobrepeso ou ao aumento da incidencia de diabetes na poboación como consecuencia do sobrepeso e da idade, entre outros.
O xefe de servizo de Dixestivo pontevedrés destaca que "é unha enfermidade que pasaba inadvertida e tamén porque tarda anos en desenvolver un dano importante, pero está comezando a repercutir no aumento das consultas, por exemplo". Dende o seu punto de vista require "unha abordaxe diferente" que pasa por previr, educar, formar e identificar aos pacientes en risco para que, cando se desenvolva o tratamento correspondente, pois na actualidade non hai tratamentos específicos, poida ser facilitado o seu acceso.