Agárdan que a reforma da rúa José del Río en Marín remate en outono
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación ten previsto que a mediados de primavera comecen as obras da José del Río, en Marín, co obxectivo de que estean finalizadas no outono. O prazo de execución desta reforma é de tres meses, segundo apuntaba o deputado responsable da área Uxío Benítez. O orzamento ascende a 240.584 euros.
16 empresas presentaron as súas ofertas ante a Deputación Provincial para acometer estas obras. Agora os técnicos analizarán os informes para escoller a mellor oferta económica e o programa de traballo. En abril, a mesa de contratación realizará a proposta de adxudicación e a Xunta de Goberno decidirá formalizar un contrato coa empresa.
O Concello de Marín e a institución provincial asinaban un convenio para que a Deputación financiase esta reforma. O proxecto tivo que ser reformado para adaptarse aos novos criterios provinciais con beirarrúas de 2,5 metros de longo e a construción dunha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda do río. Renovarase o saneamento para evitar verteduras no colector do río Lameira. Reconstruiranse as acometidas das vivendas conectadas á actual rede, con outra nova rede de abastecemento de auga.
Tamén se instalarán mellores luminarias e vai crearse un xardín con árbores liquidámbar plantados na zona de aparcadoiro entre cada dúas prazas.