Un temporal cunha infinidade de desprendementos
Por Redacción
O temporal de choiva e vento que mantén en alerta laranxa o litoral pontevedrés deixou na tarde deste martes refachos de vento de ata 98 quilómetros por hora na comarca, fortes trombas de auga en varios momentos da tarde e a noite e un reguero de incidencias por toda a cidade. Este mércores a mañá comezou tamén marcada polas intensas choivas e prevese que sexa a situación que se manteña durante todo o día.
En canto á xornada do martes, a tarde resultou especialmente intensa para a Policía Local e o Corpo de Bombeiros de Pontevedra, que tiveron que realizar unha infinidade de intervencións por desprendementos en fachadas de toda a cidade que supoñían situacións de perigo.
No número 48 da rúa Eduardo Pondal tiveron varias intervencións porque caeron anacos de chapa á vía pública e a un patio interior. Intervencións similares foron necesarias nas rúas Leandro do Río Carnota; Alta, onde foi necesario acordoar a zona; Fernández Ladreda ou a esquina entre Fernández Ladrea e Alcalde Hevia.
En todas elas os desprendementos foron de anacos de fachada mentres que na travesía Mestre Mateo a intervención foi precisa porque caían cristais á vía pública. Noutras zonas da cidade, segundo informou a Policía Local, o vento desprazou varios colectores cara á calzada.
ASISTENCIA A UNHA PERSOA MAIOR
Xa na mañá deste mércores, os efectivos do parque pontevedrés acudiron á rúa Alemaña do barrio de Monte Porreiro porque unha muller de idade avanzada que utiliza o sistema de teleasistencia realizou unha alerta e os responsables de atender a emerxencia non podían acceder á vivenda.
Ocorreu sobre as 7.50 horas e, tras unha intervención que se prolongou durante ao redor de 45 minutos, os bombeiros lograron abrir a porta e permitir que a muller recibise a atención necesaria.