Condenan a prisión a Charo Lorenzo e ao empresario Manuel Cabada
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra condenou a penas de prisión á que fora secretaria da Cámara de Comercio, María del Rosario "Charo" Lorenzo e ao empresario Manuel Cabada Álvarez, que organizaba os eventos feirais para a entidade cameral a través da súa firma empresarial Grupo Norte.
Os acusados alcanzaron un acordo de conformidade co fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, polo que viron reducidas as penas que inicialmente pedía o Ministerio Público a cambio de recoñecer a autoría dos delitos que se lles imputaban de prevaricación, fraude ou falsidade en documento mercantil na organización de diferentes eventos.
En virtude dese pacto a secretaria da Cámara, Charo Lorenzo, foi condenada a unha pena de dous anos e once meses de prisión, ademais do pagamento de varias multas e a inhabilitación para cargo público durante cinco anos.
En concreto, polo delito de fraude á administración pública Charo Lorenzo foi condenada a seis meses de prisión, por delito de falsidade en documento oficial elaborado por funcionario público a un ano e seis meses de prisión e, por último, por un delito continuado de falsidade en documento mercantil a outros once meses de prisión.
O coñecido empresario Manuel Cabada, que foi pregoeiro do Entroido de Pontevedra, foi condenado a un total de 14 meses de prisión.
No seu caso, Cabada Álvarez recoñeceu a comisión dun delito continuado de falsidade en documento mercantil polo que lle impoñen oito meses de cárcere, aos que hai que sumar outros seis meses por fraude á administración.
Ademais das correspondentes multas, o empresario queda inhabilitado para obter subvencións e axudas públicas, para contratar con organismos públicos e para gozar de beneficios e incentivos fiscais e da Seguridade Social.
Tamén chegou a un acordo de conformidade coa Fiscalía o empresario da construción e ex presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Ricardo Mirón Gutiérrez, que foi inhabilitado para o exercicio de cargo público por un período de cinco anos por un delito continuado de prevaricación administrativa.
A Cámara de Comercio de Pontevedra adxudicou entre os anos 2009 e 2011 a Feira de Turismo, Ferpalia, e o salón do automóbil, Pomóvil, á empresa Grupo Norte, que pertence ao empresario Manuel Cabada. Para esta adxudicación non se respetaron os procedementos legais establecidos, segundo a Fiscalía.
Estas contratacións foron realizadas por un orzamento, que aínda que as feiras tiveron un coste menor, chegou a superar os 120.000 euros.
Charo Lorenzo, pola súa parte, aínda está pendente dunha causa por presunta malversación de caudais públicos e falsedade documental, que continúa en fase de instrución.
Relacionadas:
-
Cabada deféndese: "Vinme na obriga de aceptar os feitos a sabendas da miña inocencia"
Por Redacción |
-
O TSXG confirma o despedimento de Charo Lorenzo da Cámara de Comercio por quebra de confianza
Por Natalia Puga |
-
A xestión da Cámara de Comercio, de novo no xulgado con Charo Lorenzo e Gómez Rivera no banco dos acusados
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Cámara despide a Charo Lorenzo por "quiebra de la confianza" tras a condena por aceptación de suborno
Por Natalia Puga |
-
A Cámara de Comercio garda silencio sobre a reclamación do Concello polas facturas rectificadas de Pomóvil e Ferpalia
Por Natalia Puga |