Os funcionarios municipais, "cansos" ante a "dilación" da negociación co Concello
Funcionarios municipais concentráronse este luns ante o edificio administrativo de Michelena para mostrar o seu "cansazo" ante o rumbo das negociacións co goberno local e esixir que non haxa máis "dilacións" no diálogo entre ambas as partes.
As negociacións "non están rotas pero si estancadas e sen avance", explicou Héctor Santaló, delegado da Agrupación de funcionarios municipais de Pontevedra (Afumpo), que denunciou que nesta materia a administración "actúa como autoridade e non como igual".
O "malestar" entre os funcionarios, segundo Santaló, "vén de tempo atrás" ao entender que o concello arrastra unha organización "obsoleta" e mantén unha estrutura "que carece de sentido", o que provoca "ineficiencia" na xestión e "agravios" entre os traballadores.
"Moitos de nós tiñamos a esperanza de solucionalo mediante unha negociación pero o goberno persevera na súa postura", lamentou.
O delegado de Afumpo asegura que as reunións que houbo ata o momento son "cosméticas", xa que o goberno municipal segue modificando a relación de postos de traballo (RPT) "ignorando" os informes técnicos e sen "dialogar" cos sindicatos.
Nesta masiva concentración participaron traballadores "do que se consideran os catro colectivos" laborais do concello, "oficina, policía, brigada e bombeiros". Todos eles, engadiu, reclaman unha reorganización na administración que mellore as súas condicións laborais e un servizo ao cidadán que vén "deficitario" e "moi mellorable".
Pola súa banda, Antonio Casal 'Pequeco', delegado de Comisións Obreiras, reclamou ao goberno municipal que "é hora de sentar e tomar cartas no asunto", ao reiterar que se trata dun asunto que "nos afecta a todos" e que o Concello "non pode dilatalo máis" xa que "levamos oito anos coa mesma situación".
"Con isto pasa o de sempre, esperan ao último momento, cambia a corporación e dinnos que o resolva a seguinte", sinalou Casal, que confía en que os sindicatos UXT e CIG "volvan ao sendeiro" e haxa unidade sindical no Concello "porque é boa para todos". En todo caso, engadiu, que "os que terán que dicir por que non están aquí hoxe son eles".
Relacionadas:
-
A Xustiza dá a razón ao Concello en senllos conflitos laborais coa Policía Local e os bombeiros
Por Redacción |
-
Os sindicatos convocan o persoal do Concello para amosar o malestar co goberno local no vindeiro pleno
Por Anxo Lourido |
-
A CIG discrepa coa negociación "por chiringuitos" que o goberno de Lores promove co persoal no Concello
Por Anxo Lourido |
-
Lores asegura que "non hai ningunha xustificación laboral para non chegar a un acordo neste concello"
-
A CIG critica a estratexia de "divide e vencerás" na negociación laboral do Concello
Por Redacción |
-
Funcionarios municipais piden ao concelleiro de Persoal que abandone a crispación e retome a negociación
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín |