Un condutor resulta ferido nun accidente no que encaixou o seu coche cunha casa en Salcedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un veciño de Salcedo de 66 anos protagonizou na madrugada deste mércores un espectacular accidente na estrada N-550 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Salcedo. Circulaba por unha rotonda cun Mercedes GLA cando, por causas descoñecidas, saíu da vía, rompeu a varanda, esborrallou por un terraplén e acabou impactando contra o baixo dunha casa. A continuación, foi trasladado en ambulancia a un hospital.
O accidente produciuse presuntamente sobre as 3.30 ou 4.00 horas da madrugada, pero non se tivo coñecemento do mesmo de forma oficial ata primeira hora deste mércores, cando unha veciña da casa contigua descubriu o vehículo con numerosos danos ao pé da citada casa e unha enorme fenda na parede.
Unha vez alertados os servizos de emerxencia, desprazáronse ao lugar axentes da Garda Civil de Tráfico, que comprobaron que no interior do vehículo accidentado non había ninguén. Lograron pescudar a identidade do propietario do coche e realizaron xestións para localizar o condutor e determinar o que ocorreu de madrugada.
Finalmente, varias horas despois, o condutor do vehículo sinistrado foi localizado nun hospital e os axentes comprobaron que de madrugada, tras sufrir o accidente, fora evacuado en ambulancia con feridas de carácter leve. Permaneceu un tempo en observación e finalmente foi dado de alta. Trátase dun veciño da parroquia pontevedresa de Lourizán de 66 anos.
Os axentes de Tráfico e persoal do servizo de mantemento de estradas permaneceron na zona ata poucos minutos despois das 10.00 horas da mañá, cando un guindastre de grandes dimensións logrou retirar o vehículo do fondo do desnivel no que estaba e levarllo. A zona seguiu acordoada e centrou a atención de numerosos viandantes e condutores que circulaban pola zona.
A vivenda afectada, a número 15 desa zona de Salcedo, o antiguo almacén de patacas La Ponderosa, está deshabitada, pero os propietarios foron alertados e desprazáronse ata o lugar. Comprobaron que no baixo no que impactou o coche se xeraron importantes danos materiais tanto na estructura como no abundante material e electrodomésticos que tiñan alí almacenados
Rosa Vázquez Lage foi a veciña que descubriu o coche accidentado. Segundo relatou a PontevedraViva, reside na casa contigua e, sobre as 3.30 horas da mañá, sentiu un golpe. Ela e o seu marido espertaron e asomáronse pola xanela, pero, a pesar de que permaneceron alí uns dez minutos, "non miramos nada". Volveron á cama, pero cando se espertou pola mañá para ir traballar decidiu pasarse a comprobar se pasara algo e descubriu o sinistro.
"Pensei: ou foi un tremor, ou ten que haber algo e fun ver. Primeiro vin a varanda tirada e daquela todo iso", explicou. Unha vez que comprobou o ocorrido, alertou ao seu marido e puxeron os feitos en coñecemento dos servizos de emerxencia. Tamén avisaron aos propietarios da casa, que pouco despois chegaron á zona e comprobaron que "había moitos danos". Había abundante material que estivera nun bar e as pedras desprendidas da fachada cara ao baixo esnaquizaron boa parte deles.
"Teñen unha neveira dun bar grande e as pedras partírona pola metade, e unha cafeteira, un cristal moi longo, un televisor…", puideron comprobar. Ademais dos danos causados na propia parede da fachada do baixo, na que quedou un buraco de grandes dimensións.